Inicio Galicia O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago prepara a celebración...

O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago prepara a celebración en Galicia dun congreso mundial durante o Xacobeo 2021

0

Baixo o título ‘Santiago de Compostela: camiño do saber, do andar e do crer’, o encontro afondará nas tradicións xacobeas e cultos locais de todo o mundo


Galicia acollerá o vindeiro Xacobeo 2021 un congreso internacional que, baixo o título Santiago de Compostela: camiño so saber, do andar e do crer, reunirá a expertos de todo o mundo para promover o debate científico e académico ao redor das peregrinacións das tradicións xacobeas e cultos locais. Así o acordaron hoxe os membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, que se reuniron no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, en Santiago de Compostela, para facer balance das súas actividades e avanzar nas futuras.

A xuntanza -á que asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto á comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, na súa condición de secretario deste organismo- serviu, ademais, para poñer de manifesto a intención do comité de reforzar o seu papel asesor da Xunta no eido xacobeo de cara ao 2021 para afondar no coñecemento dos valores que identifican e singularizan ao Camiño de Santiago e promover actividades de debate científico arredor da peregrinación.

Deste xeito, ademais deste congreso internacional, tamén acordaron celebrar outro en 2019 ao redor do arcebispo de Santiago de Compostela, Berenguel de Landoira. Tamén intensificarán a súa colaboración coa Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións –organizada pola Universidade de Santiago de Compostela co impulso de Turismo de Galicia– coa celebración dun encontro mundial de Centros de Estudos Xacobeos. O Comité de Expertos reforzará ademais o seu papel internacional con maior presenza en ámbitos como o británico para afondar nas rutas de peregrinación marítima.

O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago é o órgano asesor da Xunta de Galicia no eido xacobeo desde a década dos anos 90. Ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago ten recuperado os Congresos Internacionais de Estudos Xacobeos e destaca, ademais, pola promoción que os seus membros desenvolven nos seus respectivos países, difundindo as publicacións científicas da Xunta, dirixindo revistas, teses e investigacións sobre o fenómeno xacobeo no seu territorio. Tamén realizan un intenso traballo no movemento asociativo vinculado ao Camiño de Santiago.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre