Inicio Galicia O cinema feito por e sobre mulleres centra a nova programación bimestral...

O cinema feito por e sobre mulleres centra a nova programación bimestral da Xunta no CGAI da Coruña

0

Ademais do xa tradicional ciclo ‘Olladas de muller’, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, prolongará a conmemoración do 8 de marzo ata finais de abril con outros cinco especiais cinematográficos

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia mañá a súa carteleira marzo-abril, na que os filmes feitos por ou sobre mulleres centrarán a meirande parte das preto de 70 sesións que se ofrecerán na súa sede da Coruña. Como xa é tradición na filmoteca da Xunta, esta programación especial arranca na semana da conmemoración do 8 de marzo co ciclo Olladas de muller, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega.

A este programa, que lle ofrecerá ao público unha escolma de 16 títulos dirixidos por mulleres cunha especial atención ás realizadoras galegas, súmase este ano unha serie de especiais cinematográficos, entre os que se atopa a primeira parte de Pioneiras do cine, cadansúa retrospectiva sobre as directoras xermanas Renate Sami, Ute Aurand e Angela Schanelec, así como sobre cineasta angloamericana Ida Lupino, ademais da serie documental Women Make Film.

Audiovisual galegoOlladas de muller arrancará mañá mesmo coa proxección, ás 20,30 h., de Os fillos da vide, presentada pola súa directora, Ana Domínguez. O audiovisual galego tamén estará representado polo filme para televisión Concepción Arenal, a visitadora de cárceres (mércores 4), producido por Zenit Televisión; polas longas Esquece Monelos (xoves 5), de Ángeles Huerta, e Arima (venres 6), de Jaione Camborda, e pola curtametraxe As mulleres co mundo na cabeza (sábado 7), de Encarna Otero.

Amosaranse tamén nesta nova entrega de Olladas de muller destacados traballos de cineastas portuguesas e francesas, entre os que se atopan as restauracións dalgunhas das películas máis sobranceiras do colectivo feminista Les Insoumuses, formado por Nadja Ringart, Carole Roussopoulos, Delphine Seyrig e Ioana Wieder: Maso et Miso Vont en Bateau (1976) e S.

C.

U.

M. Manifesto 1967 (1976), que poderán verse este mércores.

Da banda portuguesa, proxectaranse Colo (martes 10), de Teresa Villaverde, así como varios traballos da documentalista Salomé Lamas, que o día 6 de marzo estará na Coruña para presentar tanto o seu filme Extinção como o seu libro Extraction: The Raft of the Medusa.

A partir da semana que vén dará comezo, ademais, a primeira parte do ciclo Pioneiras do cine, a través do que o CGAI busca recuperar do esquecemento as cineastas dos inicios do cinema e da industria hollywoodiense, onde o seu papel foi menos recoñecido que na animación ou no ámbito experimental. Alice Guy, Lois Weber, Mabel Normand e Ruth Ann Bladwin protagonizan esta primeira quenda do programa, que a filmoteca galega continuará desenvolvendo durante os vindeiros meses.

Ademais, dedicaráselle un especial a Ida Lupino, máis coñecida como actriz, pero quen tivo tamén unha breve e intensa carreira como directora, a única que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 do século pasado.

Directoras xermanasNo seu percorrido polo traballo de directoras de todo o mundo, o Centro Galego de Artes da Imaxe viaxará tamén ata Alemaña con cadansúa escolma das realizadoras Renate Sami e Ute Araund, en colaboración co festival Punto de Vista de Pamplona, así como cun primeiro achegamento á obra de Angela Schanelec, coincidindo coa estrea en España do seu último filme, Estaba en casa, pero…, premio á mellor dirección na Berlinale do ano pasado.

Esta conmemoración do CGAI complétase coa proxección da serie documental Women Make Film, de Mark Cousins, que consta de 40 capítulos nos que se empregan exclusivamente secuencias rodadas por mulleres para abordar moi diferentes preguntas arredor do oficio cinematográfico: como se fai un bo plano de apertura, como se encadra unha imaxe, como se presenta unha personaxe, como se roda o sexo, a danza ou a morte, como se representan o traballo e o amor no cine, ou como funcionan os xéneros como a comedia, o melodrama ou a ciencia ficción, entre outras. A Filmoteca de Galicia proxectará a totalidade dos capítulos en sete sesións de dúas horas de duración cada unha.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre