Inicio Galicia O ciclo de exposicións 'Olladas Inclusivas' da Xunta de Galicia amosa o...

O ciclo de exposicións 'Olladas Inclusivas' da Xunta de Galicia amosa o traballo que realiza Emaús Fundación Social

0

Difúndense as accións da entidade para favorecer a integración social e laboral das persoas en risco de exclusión


O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, inaugurou esta mañá a exposición de Emaús Fundación Social que durante as vindeiras semanas ocupará o espazo da pirámide do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano. Con esta mostra, enmarcada no ciclo Olladas Inclusivas, ponse en valor o traballo en favor das persoas máis vulnerables que leva a cabo esta entidade.

Arturo Parrado fixo fincapé na importancia desta mostra para dar máis visibilidade a Emaús Fundación Social, que conta co apoio económico da Consellería de Política Social no desenvolvemento de programas e accións para a integración social e laboral. Nesta liña, subliñou que a formación e o emprego son básicos para conseguir a igualdade real de oportunidades e unha sociedade máis integradora.

O director xeral referiuse á gran tarefa que realizan as entidades sociais de Galicia, como é caso de Emaús, a prol da inclusión e da atención ás persoas e grupos de poboación en risco. Ao respecto, garantiu que o Goberno galego continuará a apoialas no financiamento dos proxectos e iniciativas que realicen. Para iso, a Consellería de Política Social está a traballar nunha nova convocatoria de axudas dirixidas ás entidades sociais para o período 2020-2022, que será a de maior contía das realizadas ata a data.

Ademais, Arturo Parrado reiterou a aposta da Xunta polas políticas activas de inclusión, ás que destina no orzamento de 2020 máis de 120,2 millóns de euros. Este montante inclúe, entre outras medidas, un incremento por riba do 42%, ata os 3,4 millóns de euros, da partida para colaborar cos concellos na atención ás persoas sen recursos.

A exposición de Emaús Fundación Social forma parte do ciclo Olladas Inclusivas, iniciativa coa que a Administración autonómica quere divulgar os programas, servizos e o labor diario e a pé de rúa que realizan as entidades sociais de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre