Inicio Galicia O chef Carlos Fernando Colmenero ameniza o Nadal Solidario da Xunta de...

O chef Carlos Fernando Colmenero ameniza o Nadal Solidario da Xunta de Galicia na caseta Cata La Lata de Anfaco-Cecopesca

0

Esta actividade, que se suma ás degustacións de conservas que ofrece a patronal conserveira todas as tardes no Tinglado, conta co apoio da Consellería do Mar


Unha clase maxistral de cociña impartida polo chef Carlos Fernando Colmenero centrou hoxe a actividade do espazo solidario de Nadal na caseta Cata La Lata de Anfaco-Cecopesca. Esta actividade, que se suma ás degustacións que a patronal conserveira ofrece todas as tardes no Tinglado do Porto vigués, conta co apoio da Consellería do Mar.

Humus suave de cabaciña, con conserva de atún, froitos secos e crocante; falsete de ceviche de sardinillas, con pico galo aguacate e crema de manga; e berberechos en auga de tomate, foron algúns dos pratos preparados por Colmenero dos que puideron gozar os presentes. Entre eles, a delegada da Xunta de Galicia, Corina Porro, que adiantou que haberá máis showcookings organizados por Anfaco, concretamente os vindeiros 26 e 30 de decembro as 13.00 horas.

Tampouco quixo perderse a representante autonómica a volta ao escenario da banda Uke & The Leles do colexio vigués O Castro British School e do grupo musical A Comisaría, aos que lles correspondeu a xornada de tarde, quentando xa os motores de cara ao fin de semana, no que se espera unha grande afluencia de público.

Corina Porro, quen agradeceu a resposta dos vigueses á iniciativa da Xunta de Galicia, “a xente sae encantada e nos felicita por esta iniciativa, pensada e destinada especialmente para os vigueses”. Segundo dixo, cada vez son máis as persoas que se animan a asistir ás actividades organizadas no marco deste Nadal Solidario.

A representante do Goberno galego na cidade, aproveitou ademais para avanzar que este venres se espera a visita do alumnado do CEIP Seis do Nadal para participar nos talleres infantís que se desenvolven todas as mañás e tardes en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 19.00 horas no Tinglado. Neste senso, recordou que non son obradoiros destinados en exclusiva aos colexios, e que calquera neno o nena que se achegue poderá participar neles. Tamén os usuarios do CAPD Redondela vivirán unha xornada especial no Tinglado a partir das 12.30 horas.

E que mellor inicio de vacacións para os máis pequenos e pequenas da casa que da man de Os Bolechas, que serán os encargados de animar o espazo saudando e posando con todos aqueles que se acheguen. Estarán desde as 19.00 horas ata as 21.00 horas. Será entón cando a Fundación Mayeusis recolla a súa testemuña a ritmo de jazz.

Espazo solidarioCompre lembrar que o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area. Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que busca canalizar a expresión solidaria dos cidadáns, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.

Deste modo, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizan os vigueses de principio a fin.

Nacemento da Catedral de SantiagoUn dos aspectos máis atraíntes no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosará preto de 500 pezas articuladas. Asemade, haberá tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.Á decoración tradicional do Nadal se suman, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dará a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que porán o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fará demostracións de conservas e organizará talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, terán a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Terán así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, a Fundación Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes poderán compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poaboado de Nadal, Reis Magos e carruselXa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendarán para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Haberá casetas para garapiñadas ou castañeiras tradicionais e un grupo de foodtrucks, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana haberá concertos de grupos vigueses. Tamén está prevista a visita de varios conselleiros que manterán encontros con membros de organizacións e colectivos das súas áreas correspondentes en Vigo. Cómpre lembrar que neste proxecto involucráronse varias consellerías da Xunta e a colaboración do Porto de Vigo.

Outras actividadesLonxe das actividades propias no Tinglado e Praza da Estrela, incorpóranse a este Nadal solidario e comprometido a Federación de Asociacións de Veciños, celebrando un día completo de actuacións de relacionadas con estas datas que será patrocinado pola Xunta de Galicia.

Tamén haberá concertos en centros de persoas maiores e un gran concerto de campás que actuará simultaneamente en varias igrexas da cidade dende a Concatedral de Vigo, o 28 de decembro ás 13.00 horas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre