Inicio Galicia O CGAC recupera a mostra 'Caosmos' de Antón Patiño, adiada en marzo...

O CGAC recupera a mostra 'Caosmos' de Antón Patiño, adiada en marzo debido a emerxencia sanitaria da covid-19

0

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, presentou publicamente a exposición que repasa as distintas etapas da traxectoria deste artista monfortino

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, presentou publicamente esta tarde no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Caosmos, a mostra de Antón Patiño que estaba prevista para o pasado mes de marzo e cuxa inauguración tivo que ser adiada debido a emerxencia sanitaria da covid-19.

Durante o acto de presentación, no que tamén participou o propio artista e o comisario da obra, Alberto Ruiz de Saramiego, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou que a cultura “é unha actividade segura” e que temos que “remar xunto ás administracións e entes privados para dar garantías e recuperar ao público dos teatros, cines e museos”. Neste sentido, celebrou que a mostra de Antón Patiño poida visitarse no CGAC para que público poida coñecer as distintas etapas do seu labor nas artes plásticas.

Caosmos é unha aproximación á traxectoria do artista galego Antón Patiño, centrada nunha escolma de pezas que abrangue distintas etapas da súa traxectoria no eido das artes plásticas, desde a súa participación na fundación de Atlántica até a actualidade, pero tamén no ámbito da literatura e o pensamento, como autor de diversos libros de ensaio artístico e teoría da imaxe. Así, ata o día 17 de xaneiro poderanse contemplar no CGAC arredor de 45 pezas procedentes da colección do artista, entre as que se inclúen varias obras do período dos anos setenta, cando sendo moi novo se estableceu en Madrid, que foron expostas por primeira vez hai máis de dez anos na Casa das Artes de Vigo.

Dentro do programa expositivo inclúese un arquivo con publicacións, cartas e apuntamentos do artista, así como a estancia Inventario de escumas. Trátase dunha selección de xanelas abertas ao mar onde as texturas sonoras están presentes a través dun monitor que permite contemplar as obras na paisaxe dos areais atlánticos.

Programa de actividadesComo complemento a esta exposición, o CGAC ten deseñado un amplo abano de actividades que inclúe unha mesa redonda arredor dos libros De dónde vienen las imágenes, Todas las pantallas encendidas e Manifiesto de la mirada. Trátase dunha actividade que se celebrará o vindeiro xoves, ás 18,30 horas, e na que participará o propio artista xunto a Fernando Castro Flórez e Santiago Olmo. Ademais, o xoves 29, no marco de Caosmos tamén se presentará o volumen Libro dos lugares II.

O programa continuará no mes de xaneiro coa presentación de A mirada Atlántica e unha mesa redonda sobre o grupo de comunicación poética Rompente.

O artistaAntón Patiño (Monforte de Lemos, 1957), é un artista visual e escritor que realizou exposicións individuais en galerías e museos de Ámsterdam, Estocolmo, Nova York, París, Bordeos, Zúric ou Stuttgart. Ademais, a súa obra está presente en coleccións de museos como o CGAC, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o MEIAC de Badaxoz, o MACBA de Barcelona ou Artium de Vitoria-Gasteiz.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre