Inicio Galicia O CGAC inaugura ?Work (always) in progress?, a primeira mostra individual de...

O CGAC inaugura ?Work (always) in progress?, a primeira mostra individual de Pedro Cabrita Reis nun museo público galego

0

O director xeral de Políticas Culturais destacou que con esta exposición continuamos o diálogo creativo con Portugal e agradeceu a implicación do creador lisboeta para facer desta mostra “un fito memorable no calendario artístico”

O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle desde hoxe a exposición temporal Work (always) in progress do artista portugués Pedro Cabrita Reis. A mostra, que se poderá visitar neste espazo de difusión cultural da Xunta até o vindeiro 2 de febreiro de 2020, foi presentada nun acto informativo no que participaron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo: o director do CGAC, Santiago Olmo, e o recoñecido creador lisboeta que, por primeira vez, expón de maneira individual nun museo público en Galicia.

O director de Políticas Culturais, agradeceu “a gran implicación de Cabrita Reis para facer desta mostra un fito memorable no calendario artístico” e destacou a “longa e sobresaínte” traxectoria deste, “unha das figuras clave para entender a arte feita en Portugal durante estas últimas décadas”. Anxo M. Lorenzo concluíu a súa intervención subliñando que con esta mostra “continuamos o diálogo creativo que desde hai anos mantemos desde a Consellería de Cultura e Turismo con Portugal. Neste caso, visibilizando o enorme talento plástico e sentido estético dun dos seus máximos referentes, Cabrita Reis”.40 obras para aproximarnos a Cabrita ReisSusana González e Santiago Olmo son os comisarios desta exposición que se artella a partir dun núcleo central, cunha selección de máis de 30 pezas datadas desde 2006 a 2019, e outras dez realizadas especificamente no museo e para a ocasión, utilizando materiais industriais e obxectos atopados. En síntese, este traballo parece xurdir dun diálogo entre o gusto pola factura industrial do minimalismo e o tratamento e selección de materiais desde unha sensibilidade próxima á arte povera italiana.

Así a todo, Work (always) in progress pon de relevo a variedade de rexistros formais do traballo do portugués, reunindo series de debuxos, a partir de tarxetas de invitacións de exposicións e paneis de caixas de puros intervidos, obxectos reformulados e readaptados, pinturas e esculturas que funcionan como construcións precarias e en ocasións de grandes dimensións, que dialogan co espazo arquitectónico do edificio deseñado por Álvaro Siza.

A exposición pretende mostrar un panorama exhaustivo da obra dos últimos anos de Cabrita, así como as metodoloxías de traballo do artista, consistentes nun permanente proceso de creación. Algo que xa fai explícito o propio título. Este proceso supuxo a creación de novas pezas que xurdiron a medida que se ía montando exposición. Deste xeito, o museo constitúese como unha extensión ou prolongación do estudio do artista. Renovador e referentePedro Cabrita Reis pertence á xeración de artistas portugueses que renovou o panorama artístico do seu país tras a Revolución dos Caraveis en 1974. Desde os anos 90, convértese nunha referencia imprescindible na escena internacional para comprender tanto a desaparición de barreiras entre disciplinas, como o sentido e límites dos materiais nas discusións sobre a idea de construción en fricción coa práctica da arquitectura.

O lisboeta participou, entre outras, en citas tan importantes como a documenta IX en Kassel (1992), a Bienal de São Paulo (1994 e 1998) ou a Bienal de Venecia (1997, 2003 e 2013). A súa obra exhibiuse en moitos dos centros de arte e museos máis relevantes de todo o mundo e está presente en numerosas coleccións, tamén na colección do CGAC, coa obra Escrevo-te hoje Rosa de 1991.

Series emblemáticas e obras ad hocA mostra ocupa a entrada, a planta baixa e primeira do edificio, e inclúe dúas pezas instaladas no exterior e creadas para esta ocasión. A primeira, Babel, situada á entrada do Parque de Bonaval, é unha construción de ladrillos semellante ás representacións da torre bíblica, pero martelada nos seus ángulos. Entronca coa extensa serie de pezas e instalacións de ladrillos realizadas en espazos abertos nos últimos anos, abordando a idea de construción como oposta á de arquitectura. E, a segunda, Eu, tres veces, consiste en tres travesas do mesmo tamaño que remiten á altura do artista, instalada nun dos patios exteriores do edificio e cuxa contemplación se realiza a través dunha xanela.

No interior destacan, entre as obras realizadas especificamente para este proxecto, Unha liña vermella, con algúns momentos máis escuros… (para Ramón), unha instalación de cristais vermellos e negros que transforma o espazo do museo, ou 70 Car Tires, unha composición realizada precisamente con 70 rodas de coche usadas sobre os muros de máis de 10 metros de altura da entrada do museo. Doutra banda, Caído, unha cruz de san Pedro invertida e realizada con vigas de ferro, e Retábulo, unha “pintura” composta por ferros de estada, converten o “dobre espazo” do museo nunha capela de aire monumental e industrial, ao tempo.

A exposición inclúe obras moi representativas de series emblemáticas dos últimos anos, como Compounds e The Grid, provenientes da Coleção Berardo, de Lisboa, Favorite Places ou True Gardens que proveñen do estudio do artista.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre