Inicio Galicia O certame Senda dos Faros promove o valor lingüístico, patrimonial e paisaxístico...

O certame Senda dos Faros promove o valor lingüístico, patrimonial e paisaxístico da costa galega

0

As consellerías de Cultura e Educación poñen en marcha unha nova iniciativa escolar audiovisual coa colaboración de Agader, IET, Festival de Cans e EDPR


O novo certame escolar Senda dos Faros promoverá o valor lingüístico, patrimonial e paisaxístico da costa galega ao longo do máis de medio cento de etapas que o configuran, desde Tapia de Casariego (Asturias) ata Vila Nova de Cerveira (Portugal), para alén das etapas insulares de Ons, Cíes e Sálvora. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa na que se deu a coñecer a iniciativa impulsada desde a Consellería de Cultura e Turismo coa colaboración das Consellerías de Educación e Medio Rural e do Festival de Cans, co patrocinio de Energias de Portugal Renováveis (EDPR).“O Festival de Cans acollerá as proxeccións das curtas finalistas, polo que presentamos un proxecto colaborativo e multidisciplinar no que participamos entidades pertencentes aos tres sectores: administración, empresa privada e sociedade civil/ONG, o que vén consolidar o espíritu integrador que constitúe a esencia da propia Senda dos Faros, unha ruta turística de alto valor tamén para a lingua propia de Galicia”, abundou.

O certame enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia, Agader, IET e Fundación Galicia Sustentable e conta co patrocinio da EDPR, que ten a misión de reforzar o compromiso do seu grupo nos ámbitos nos que desenvolve a súa actividade, con especial atención ás áreas educativa, cultural, social e ambiental, dentro dunha perspectiva de desenvolvemento sustentable global.

Participaron canda Valentín García na presentación Javier Blanco Carballal, subdirector de Agader; Alfredo Fernández Ríos, director da área de estudos do IET; Alfonso Pato, director do Festival de Cans, e Xaime Garaboa, representante da Fundación Galicia Sustentable.

Fomentar o litoral e a linguaO certame Senda dos Faros ten como obxectivos fomentar o coñecemento do patrimonio, a paisaxe, a natureza, as lendas, a gastronomía ou calquera outro activo do territorio polo que atravesa a Senda dos Faros; dinamizar o uso da lingua galega entre o alumnado e entre a comunidade educativa; promover unha imaxe positiva e actual do galego por medio da vinculación coas tecnoloxías da información e da comunicación; favorecer a presenza e o uso do galego en novos espazos e soportes, e fomentar o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso frecuente que favorezan o seu emprego dentro e fóra das aulas.

Está destinado ao alumnado dos centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que impartan ensinanzas sostidas con fondos públicos: ensinanzas de educación secundaria (ESO, bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio) e ensinanzas especiais de grao medio, que poderán concorrer con vídeos en lingua galega dunha duración máxima de cinco minutos.

Establécense tres premios para as tres mellores curtas (que inclúen a asistencia ás proxeccións na vindeira edición do Festival de Cans), así como galardóns á mellor actriz, ao mellor actor e especial do público, para alén da certificación de Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado, que recibirá o docente responsable das fitas galardoadas co 1º, 2º e 3º premio.

O prazo para solicitar a participación nesta iniciativa ábrese desde hoxe ao vindeiro 30 de xaneiro de 2020. Máis información e bases dispoñibles no Portal da Lingua Galega e no Portal Educativo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre