Inicio Galicia O Centro Tecnolóxico da Carne investirá 2,6 millóns de euros en I+D+i...

O Centro Tecnolóxico da Carne investirá 2,6 millóns de euros en I+D+i o próximo ano

0

Con ese orzamento poderá levar a cabo 53 iniciativas de cooperación con empresas e outras entidades do sector agroalimentario


O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu a reunión de final de ano do padroado da fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), onde se fixo balance da actividade realizada no segundo semestre do presente ano e se deron a coñecer as liñas de actuación do vindeiro exercicio. Neste sentido, o conselleiro destacou os máis de 2,6 millóns de euros que este centro investirá en proxectos de I+D+i no 2020, seguindo o camiño da Galicia innovadora.

Así, cúmprese cos obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia no eixo de empregabilidade e crecemento intelixente, que busca impulsar e consolidar as políticas de gasto vencelladas á investigación para integrar a Galicia no círculo virtuoso da innovación para o crecemento.

Este importe orzamentario tradúcese nunha actividade relevante do CTC, que poderá desenvolver un elevado número de proxectos nos próximos 12 meses. En concreto, o Centro Tecnolóxico da Carne ten previsto participar en, alomenos, 53 iniciativas de cooperación con empresas e outras entidades do sector agroalimentario.

Respecto aos ingresos, os fondos do CTC proveñen fundamentalmente do financiamento de proxectos de innovación autonómicos, nacionais e internacionais, sobre todo europeos. Pola súa banda, a aportación da Consellería do Medio Rural no 2020 será de 400.000 euros. Estes ingresos permítenlle ao Centro levar a cabo proxectos de innovación propios no ámbito cárnico, ofrecer servizos ás entidades privadas, así como asesoramento e transferencia tecnolóxica ao sector e liñas de actuación en materia formativa.

Para desenvolver todas estas actividades, o CTC -e por extensión, a Consellería do Medio Rural- fai unha importante aposta polo capital humano. De feito, case o 54% do orzamento dedícase ao capítulo de persoal xa que se considera que é o valor máis importante para poder desenvolver os proxectos de cambio e mellora dos procesos e produtos do sector agroalimentario, subliñou José González. No que respecta ao exercicio que remata, só no segundo semestre do ano desenvolvéronse 60 proxectos de I+D+i, case todos colaborativos con empresas e outras entidades do sector agroalimentario, cun investimento global de 15,5 millóns de euros. Ademais conseguíronse 12 novos proxectos cun orzamento global de máis de 1,6 millóns de euros.

A gran parte dos proxectos de I+D+i nos que participa o Centro Tecnolóxico da Carne proveñen da participación en convocatorias de carácter autonómico (Consellería do Medio Rural, Axencia Galega de Innovación), nacional (Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria, Agencia Estatal de Investigación, Ministerio de Economía y Empresa, Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación) e internacional (Horizonte 2020, Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal, Programa Sudoe e o Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre