Inicio Galicia O centro tecnolóxico Aimen colabora en 11 proxectos de I+D+i apoiados pola...

O centro tecnolóxico Aimen colabora en 11 proxectos de I+D+i apoiados pola Xunta a través do programa Conecta Peme

0

Os proxectos, que se deron a coñecer nunhas xornadas, céntranse en sectores como a xestión de residuos e economía circular; os composites, nanomateriais e estruturas multimaterial e a dixitalización da industria


O centro tecnolóxico Aimen celebrou esta semana tres xornadas para difundir os avances en 11 proxectos de I+D+i nos que está a colaborar liderados por empresas galegas e que se enmarcan no programa Conecta Peme que desenvolve a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

O director de área de Xestión da Axencia Galega de Innovación, Benito Fernández, asistiu á inauguración da primeira xornada e destacou a importancia da celebración deste tipo de xornadas de difusión, para informar ao tecido empresarial e ao resto dos axentes do Sistema galego de innovación sobre a I+D+i que se está a desenvolver en Galicia co obxectivo de contribuír á transferencia de tecnoloxía ás empresas e fomentar a cooperación entre os distintos axentes do sistema.

De feito, o obxectivo da convocatoria Conecta Peme, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, na que se enmarcan estes once proxectos, é fomentar a cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema galego de innovación, a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), e, deste xeito, estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a súa competitividade no mercado.

Os sectores nos que se inscriben os once proxectos de I+D+i son prioritarios para as políticas de I+D+i da Comunidade: a xestión de residuos e a economía circular, enmarcado na necesidade de avanzar cara unha economía verde onde se faga un uso máis eficiente e sostible dos recursos; os novos materiais ou materiais innovadores, recoñecidos como unha Tecnoloxía Facilitadora Esencial a nivel europeo; e a dixitalización da industria, en liña coa Industria 4.0 ou Fábrica Intelixente.

Centros tecnolóxicos, dinamizadores da innovación empresarialO representante da Administración destacou o importante papel que xogan os centros tecnolóxicos na dinamización do ecosistema de innovación galego, en especial, no apoio e impulso ao crecemento e á competitividade das pemes que, polo xeral, non teñen capacidade para contar con departamentos de I+D+i propios e para executar proxectos en solitario.

Mostra diso é a participación do centro tecnolóxico Aimen no programa Conecta Peme, no que ten colaborado en 31 proxectos de I+D+i liderados por empresas nas catro convocatorias deste programa desde 2013, cun orzamento asociado de arredor de 5 milllóns de euros, o que supón un 4,34% do orzamento total dos proxectos apoiados neste programa.

Ademais desta liña de axudas, a Xunta apoia aos centros tecnolóxicos a través dun amplo abano de instrumentos co obxectivo de fomentar a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial como os contrato-programa de consolidación, a través do que Aimen vén de recibir algo máis dun millón de euros; a liña de fortalecemento para a adquisición de infraestruturas de investigación ou as liñas de apoio á captación e retención de talento en Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre