Inicio Galicia O Centro Ramón Piñeiro fomenta o uso didáctico do refraneiro co libro...

O Centro Ramón Piñeiro fomenta o uso didáctico do refraneiro co libro 'Coa palabra na boca'

0

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe pola mañá a nova publicación dixital no Pazo de San Roque


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe pola mañá a nova publicación dixital Coa palabra na boca. Suxestións para traballar con refráns nas aulas, do profesor Xaime Iglesias, editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no marco do proxecto Fraseoloxía Galega.

Valentín García recordou que “os refráns son un expresivísimo recurso de fala que os rapaces galegos deben coñecer para dominar a lingua propia de Galicia”, polo que “cómpre que estean tamén nas aulas e que sexan obxecto de aprendizaxe”. O secretario xeral considerou que, “se cadra, ata agora non se lles prestou toda a atención que a súa importancia require, unha carencia que espero que este material, útil e moi práctico, axude a paliar”.

Xunto con Valentín García, participaron na presentación Manuel González, coordinador científico do Ramón Piñeiro; María Isabel González, directora do proxecto do CRPIH Fraseoloxía Galega; Xaime Iglesias, autor do libro, e José Manuel Castro, ilustrador.

O libro Coa palabra na boca. Suxestións para traballar con refráns nas aulas, xurdiu dunha licenza por estudos do autor do volume, o profesor Xaime Iglesias, e foi publicado no marco do proxecto de investigación Fraseoloxía Galega do CRPIH, que o ten dispoñible para a súa descarga no seu web, así como na Libraría Institucional da Xunta de Galicia. Por outra banda, o pdf do libro será enviado dende a Consellería de Educación a todos os centros escolares de Galicia.

Proposta transversalCoa palabra na boca presenta unha primeira parte teórica e unha segunda parte práctica. A primeira define o que é un refrán e explica a súa orixe, características, contextualización, temática, estrutura e esquemas, recursos métricos e estilo. Péchase cun comentario acerca das recoleccións de refráns e dos seus recompiladores en Galicia.

A segunda parte contén a proposta didáctica propiamente dita, ilustrada por José M. Castro Méndez. Contén actividades xerais e diferenciadas segundo a etapa de ensino: educación infantil, primeiro e segundo de primaria, terceiro e cuarto, quinto e sexto e educación secundaria. Xaime Iglesias propón actividades abertas e flexibles coas súas orientacións. Sobresae como premisa metodolóxica a interdisciplinariedade e o tratamento transversal dos refráns. Desta maneira, na educación infantil aténdese ás tres áreas do currículo (Coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, Coñecemento do contorno e Linguaxe). Para a educación primaria considéranse diferentes materias como Ciencias da natureza, Ciencias sociais, as linguas, Valores, Educación artística e musical, etc. Para a educación secundaria o profesorado poderá encontrar recursos que contemplan as áreas lingüísticas, pero tamén Xeografía e historia, Valores éticos, Cultura clásica, Bioloxía… a partir de refráns que abordan a sabedoría dos máis vellos, o tempo cronolóxico, as raíces históricas ou os grandes temas da humanidade (amor, vida e morte), incluída a abordaxe dos recursos lingüísticos e literarios presentes no refraneiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre