Inicio Galicia O Centro Dramático Galego remata mañá no Teatro Afundación de Vigo a...

O Centro Dramático Galego remata mañá no Teatro Afundación de Vigo a xira do espectáculo 'Neorretranca e posmorriña'

0

Esta produción da compañía da Xunta despedirase do público tras ter ofrecido unha trintena de representacións en oito escenarios


O espectáculo de Centro Dramático Galego (CDG) Neorretranca e posmorriña remata a súa xira mañá venres ás 20,30 h. no Teatro Afundación de Vigo, onde se despedirá do público tras ter ofrecido unha trintena de funcións en oito escenarios galegos.

Tras a súa estrea o pasado 11 de abril no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago de Compostela, onde levou a cabo dúas quendas de representacións, a compañía pública viaxou coa súa última produción propia a Tui, Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Ourense. Para este derradeiro pase en Vigo, as entradas poden adquirirse xa a través da web entradas.ataquilla.com.

Dez actrices poñen en escena as dúas pezas arredor das que se constrúe esta proposta: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A través delas, o CDG ofrécelle ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que é o punto de partida común de ambos os textos.

Este fío condutor compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. A compañía da Xunta puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.

SinopsesA linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica.

Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.

Varias xeracións de actrices en escenaÁnxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as 10 intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.

O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballou na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre