Inicio Galicia O centro demostrador TIC da Amtega acolle o 9 de maio unha...

O centro demostrador TIC da Amtega acolle o 9 de maio unha sesión informativa sobre as axudas de Red.es para o sector do videoxogo

0

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acolle, o día 9 de maio, de 10.00 a 12.00 h, unha sesión informativa sobre a recente convocatoria de axudas para o sector do videoxogo (https://cdtic.xunta.gal/ayudas-videojuegos), financiadas con cargo ao Programa Operativo 2014-2020 dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O Programa de impulso ao sector do videoxogo, posto en marcha polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, está dotado con 5 millóns de euros, o que permitirá mobilizar un total de 6,25 millóns de euros, xa que o importe de cada axuda representará o 80 % do orzamento ata un máximo de 150 000 € por beneficiario e un mínimo de 20 000.

A sesión informativa estará dirixida polos responsables da Dirección de Economía Dixital de Red.es, que lles explicarán ás persoas asistentes o procedemento de concesión de axudas, o tipo de actuacións subvencionables ou as características que deben ter os potenciais beneficiarios, pequenos estudios independentes, cunha antigüidade mínima de seis meses e que conten entre o seu persoal con profesionais con experiencia previa no desenvolvemento de videoxogos que xa foran publicados.

Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

A organización da sesión corre a cargo de Red.es, unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, que desenvolve programas de impulso da economía dixital, a innovación, o emprendemento, a formación para xente nova e profesionais e o apoio á peme mediante o fomento dun uso eficiente e intensivo das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Centro Demostrador TICO CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre