Inicio Galicia O Centro de Investigación Forestal de Lourizán amosa os seus avances fronte...

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán amosa os seus avances fronte o risco hidrolóxico erosivo tras os lumes

0

Esta información recóllese no libro “Eficacia dos tratamentos de estabilización do solo despois de incendio en Galicia”, presentado hoxe no centro pontevedrés dependente da Xunta


O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán acolleu hoxe a presentación do libro “Eficacia dos tratamentos de estabilización do solo despois de incendio en Galicia”. Esta obra dá a coñecer o labor de monitorización que vén desenvolvendo nesta materia dito centro, que depende da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Medio Rural. O acto estivo presidido polo director do CIF, Enrique Martínez Chamorro.

Neste estudo lémbrase que unha das cuestións importantes a considerar cando se extingue un lume é a mitigación do risco hidrolóxico erosivo, que pode implicar outra serie de danos ecolóxicos e económicos, malia que as situacións de maior risco para os bens e as persoas adoitan ter lugar no momento no que se está producindo o incendio.

Nos últimos anos foron acometéndose unha serie de medidas, de forma planificada, orientadas á limitación deste risco. En todas estas accións, a cuestión central é a conservación do solo como clave para a recuperación dos ecosistemas forestais afectados e o mantemento dos servizos subministrados por eles, incluíndo o da produtividade forestal.

Na execución coordinada e planificada desas medidas paliativas, a monitorización dos tratamentos efectuados ten un papel crucial na consolidación de solos que vén efectuando a Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte. Os resultados obtidos permiten por un lado coñecer a magnitude da erosión e por outra banda avaliar a efectividade das medidas adoptadas e a eficiencia dos investimentos realizados. Isto tamén permite unha mellor planificación das actividades futuras.

Por iso, este libro pretende contribuír á mellora da xestión do risco hidrolóxico-erosivo asociado aos lumes forestais no futuro e noutras áreas que sofren tamén este problema, ademais de Galicia.

Proxecto europeoCómpre salientar, neste sentido, que a información contida neste libro preséntase no marco dun proxecto internacional que busca mellorar a xestión dos riscos que ameazan as masas forestais do sur de Europa.

Trátase da iniciativa europea denominada Plurifor, que reúne a institutos de investigación, universidades, organizacións relacionadas cos montes (sindicatos, asociacións, servizos) e gobernos rexionais e consellos dos países do espazo Interreg Sudoe de Portugal, España e Francia, entre eles o CIF de Lourizán.

O obxectivo deste proxecto é incorporar os coñecementos científicos máis recentes sobre os perigos para os bosques do suroeste de Europa nos mecanismos de planificación civil para facerlles fronte. Implica unha transferencia directa de coñecementos entre os países e as institucións asociadas que colaboran entre si para elaborar plans de xestión do risco baseados en datos empíricos e actualizados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre