Inicio Galicia O Centro de Investigación de Lourizán súmase a un proxecto europeo para...

O Centro de Investigación de Lourizán súmase a un proxecto europeo para avanzar na resinación dos piñeiros

0

Foi invitado a participar no proxecto SustForest Plus polos avances que este centro dependente da Consellería do Medio Rural fixo nesta materia


O Centro de Investigación Forestal de Lourizán vén de sumarse ao proxecto europeo SustForest Plus “Estratexia e redes de colaboración para a multifuncionalidade, conservación e o emprego no territorio do sur de Europa a través da extracción da resina”. Esta adhesión prodúcese polos importantes avances realizados por este centro, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e á súa vez da Consellería do Medio Rural, no ámbito da resinación e que supuxeron a invitación por parte do propio coordinador do proxecto.

En concreto, o CIF Lourizán formulou e desenvolveu un novidoso estimulante de base salicílica que permite reducir de xeito destacado a proporción de ácido sulfúrico na pasta que se utiliza nestes procesos e que se aplica nas picas (cortes que se realizan nas árbores para extraer a resina). Esta nova fórmula deu bos resultados nos estudos previos de carácter científico que se realizaron sobre exemplares de piñeiros (Pinus pinaster ait) en parcelas planteadas pola Universidade Politécnica de Madrid, no seo deste mesmo proxecto durante a campaña de 2018. E grazas ao éxito que tivo nas parcelas realizadas en Galicia polo CIF, a formulación seguirá sendo testada nos próximos anos, xa con Lourizán como asociado ao proxecto europeo, co obxecto de validar a utilización deste composto nun futuro polos resineiros do sur de Europa.

Así, coa incorporación do CIF Lourizán, o consorcio de SustForest Plus reforza as súas competencias de xeito moi significativo tanto en termos de capacidade científica como en representatividade territorial, xa que a iniciativa gaña presenza na comunidade autónoma galega.

Funcionamento da pastaO sistema de resinación consiste en aplicar, inmediatamente despois de realizar a pica á árbore, unha pasta estimulante realizada, a maioría das veces a base de ácido sulfúrico. Esta pasta disolve gradualmente a celulosa que tapona os canais resiníferos facendo que a resina comece a fluír. O CIF de Lourizán coa nova pasta Asacif conseguiu ir diminuíndo a cantidade de ácido sulfúrico substituíndoo por ácido acetilsalicílico.

Na actualidade, este centro da Consellería do Medio Rural desenvolve diversos proxectos relacionados coa investigación no sector da resina dirixidos á adaptación de diferentes métodos de resinación ás condicións dos montes galegos, á mellora da produtividade, á multifuncionalidade dos espazos forestais, á xenética forestal, á planificación, á silvicultura e á protección forestal. Neste caso, a aportación de Lourizán a esta investigación será importante pola súa participación nas liñas de mellora de compostos estimulantes e na difusión de resultados do proxecto no seu ámbito xeográfico.

Proxecto SustForest PlusO proxecto SustForest Plus, subtitulado “Estrategia y redes de colaboración para la multifuncionalidad, conservación y el empleo en el territorio del sur de Europa a través de la extracción de la resina” desenvólvese desde 2018 e está previsto que remate no 2021. Está cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e pretende mellorar os métodos de xestión conxuntos das fontes de resina natural do territorio Sudoe como recurso estratéxico e preferente para a industria, a creación de emprego e o uso racional dos recursos naturais.

O proxecto SustForest Plus conta como socios beneficiarios coas seguintes entidades: Fundación Centro de Servicios y Promoción Forestal y de su Industria de Castela e León (Cesefor), Centre Nacional de la Propriété Forestière (CNPF), European Forest Institute (EFI), Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA), Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária (INIAV), os municipios de Penela e Proença-a-Nova e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM). O proxecto tamén foi apoiado por outras entidades relacionadas co sector das resinas naturais e do terrorio Sudoe que participan en calidade de asociados no proxecto.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre