Inicio Galicia O centro de formación a Aixola reabre as súas portas con oito...

O centro de formación a Aixola reabre as súas portas con oito novos cursos e máis dun cento de prazas para o sector marítimo-pesqueiro

0

A actividade formativa ía comezar xa o pasado mes de abril pero tivo que aprazarse como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou hoxe ao alumnado dun dos cursos que o centro de formación A Aixola está a impartir trala súa reapertura a comezos deste mes e dentro dunha oferta académica que inclúe oito cursos, máis dun cento de prazas e máis de 2.100 horas lectivas destinadas tanto a profesionais do sector pesqueiro como a persoas que se preparan para entrar nel. O centro, con sede no porto de Marín e dependente da Consellería do Mar, tiña previsto retomar a actividade formativa xa o pasado mes de abril pero tivo que aprazala como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.

A titular de Mar en funcións destacou que esta formación se centra en distintas actividades fundamentais para o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro que van desde o traballo coas redes, con madeira, con materiais como o poliéster, velaría ou a reparación de embarcacións pneumáticas e de instalacións eléctricas e mecánicas en buques menores. Unha formación e capacitación dos alumnos que, salientou a representante do Executivo galego, é transcendental para favorecer o relevo xeracional no sector.

A oferta académica do centro inclúe un curso para a elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores, outro de laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval así como outro de velaría e acastillaxe. En materia de redes, o centro imparte dous cursos, un de capacitación para a confección e mantemento de artes e aparellos e outro de formación de formadores para a obtención do certificado profesional de confección e mantemento de artes e aparellos.

En materia de reparación e conservación de instalacións, a oferta formativa da Aixola inclúe un de reparación de embarcacións pneumáticas, outro de electricidade e hidráulica básicas aplicadas ao buque e un terceiro de mecánica básica de motores de embarcacións menores.

Toda esta formación, que é impartida pola Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), complétase cos módulos formativos de riscos laborais, que están dispoñibles para todos os alumnos, que tamén poderán participar nas accións para a busca de emprego e autoemprego así como nas titorías de apoio para facer un mellor seguimento do proceso formativo.

A conselleira do Mar en funcións, que estivo acompañada durante a súa visita pola directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, subliñou que a formación é fundamental para garantir o relevo xeracional no sector e que a impartida na Aixola é complementaria da ofrecida polo resto de centros de ensino dependentes da Consellería do Mar.

Neste sentido, Rosa Quintana incidiu en que a formación é chave para o futuro do complexo mar-industria de Galicia e que por iso a Xunta apostou sempre por ela, o que levou a que a media de matriculados nas escolas dependentes da Consellería do Mar aumentase un 60% desde 2009. Por iso, apostou por seguir reforzando este eido co obxectivo de favorecer a incorporación de xente nova ao sector.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre