Inicio Galicia O Centro de Emprendemento do Gaiás impulsa unha nova edición da Maker...

O Centro de Emprendemento do Gaiás impulsa unha nova edición da Maker Faire, unha das maiores feiras de inventores de España

0

A IV edición da ‘Maker Faire Galicia’ terá lugar do 23 ao 25 de novembro no Museo Centro Gaiás, consolidándose entre as máis importantes de Europa tras congregar nos tres anos anteriores un total de 30.000 asistentes e 500 ‘makers’


A programación do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia incluirá do 23 ao 25 de novembro a cuarta edición en Galicia da Maker Faire, a maior feira de inventores do mundo. A celebración deste evento ten lugar no marco do acordo entre a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Santiago de Compostela para a promoción do Gaiás como un espazo de innovación e creación empresarial no ámbito das industrias creativas.

A Maker Faire volverá ao Museo Centro Gaiás este outono na que xa é a súa cuarta edición, consolidándose como a máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París. Nas súas tres edicións anteriores, o encontro congregou arredor de 30.000 asistentes e medio milleiro de makers que expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.“Na base do proceso emprendedor está a capacidade de innovar, e non é posible unha estratexia de innovación sen creatividade”, destacou esta mañá a responsable do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, Berta Álvarez-Buylla, durante a presentación do encontro. “Desde o Centro de Emprendemento temos o obxectivo de crear contornas que favorezan o pensamento creativo e a Maker Faire preséntase como un evento de extraordinario potencial para estimular este tipo de actitudes”, engadiu. O acto contou tamén coa participación da concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, e dos co-organizadores da Maker Faire Galicia, Matilde Rodríguez e Enrique Saavedra.

Leer más:  Un conductor se sale de la carretera y se choca contra la mediana en Toén (Ourense)

A maior feira de inventoresMaker Faire Galicia concíbese como un evento para todos os públicos e disciplinas, desde a robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, gastronomía, música, electrónica, artesanía… no que compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais. Ao igual que en 2017, a feira contará con relatores e expositores de referencia a nivel internacional, entre os que destacan como primeiro confirmado o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, unha das empresas mais coñecidas de creación de robots humanoides a nivel mundial.

A cita volve incluír un día enfocado ao sector profesional –o venres 23 de novembro–, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do seu público obxectivo. A fin de semana manterase para o público xeral, cunha programación que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades.

Aberto o prazo de inscrición de proxectosDende hoxe está dispoñible no web galicia.makerfaire.com o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 15 de outubro e de todas propostas achegadas farase unha selección de proxectos que se incluirá no programa de actividades baixo criterios de innovación, orixinalidade e interacción co público. Durante o evento, o público poderá votar os mellores proxectos nas diferentes categorías –Maker, Minimaker (nenas e nenos ata 12 anos), Maker Senior (maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc)–.

Leer más:  Alerta amarilla en toda la costa gallega este viernes por oleaje

Centro de Emprendemento da Cidade da CulturaA Maker Faire 2018 enmárcase na programación do Centro de Emprendemento do Gaiás, que anualmente desenvolve unha ampla programación dirixida a estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, con accións formativas ou eventos como as xornadas de Innovación Educativa InquEDU ou os Premios Gaiás Sixto Seco, que están a piques de convocar a súa sexta edición para recoñecer e apoiar os mellores proxectos do ámbito cultural. No que vai de 2018, máis dun milleiro de persoas participaron xa nas distintas accións formativas e eventos do Centro de Emprendemento, que incluíron citas como Atlantic Emprende + Gaiás –encontros para emprendedores, profesionais, estudantes e empresas do sector musical– ou CreaGaiás –xornada sobre emprendemento nas industrias creativas e culturais–.


- Te recomendamos -