Inicio Galicia O CDG combina teatro e talleres infantís no Nadal dentro do ciclo...

O CDG combina teatro e talleres infantís no Nadal dentro do ciclo ?Gran teatro para os máis pequenos?

0

Aporía Escénica levará a cabo no Salón Teatro tres funcións de ‘Animal Sagrado’ o 28 e 29 de decembro; e Talía Teatro representará ‘Lambetadas’ o 3 e o 4 de xaneiro


O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller.

O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender. A través de tres animais considerados máxicos e sagrados en tres culturas (o gato en Exipto, o elefante en África e os peixes koi en Xapón), técese un nexo de unión entre a historia pasada e a presente. As funcións terán lugar o sábado 28 ás 19,00 h. e o domingo 29 ás 12,30 e ás 19,30 h.

Cada unha das representacións será a continuación do taller titulado Creando espazos escénicos, que principiará dúas horas antes e co que os participantes descubrirán distintas sensacións en función das cores, da luz, das texturas e dos volumes que se utilizan nos espectáculos.

Lingua para saborearNos mesmos horarios desenvolverase o sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro o espectáculo Lambetadas, de Talía Teatro, xunto ao obradoiro Ao revés. As texturas da luz. Dirixido por Santiago Cortegoso, Lambetadas é un espectáculo recomendado para nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena con técnicas de clown e de teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero acaban descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

No taller Ao revés, cun nariz de pallaso e un xogo de teas, obxectos e palabras, as cativas e cativos vestiranse do revés xogando a ser outros. Descubrirán así como nos pode transformar o vestiario dun personaxe, incluso cando este é un obxecto inanimado. Ademais de buscar novas formas expresivas, o obradoiro céntrase na importancia do vestiario en escena, así como na manipulación de obxectos.

Localidades e reservas de prazasO Centro Dramático Galego oferta 30 prazas para cada unha das seis sesións dos talleres, que serán impartidos por Elea López na sala da biblioteca do Salón Teatro. Baixo o lema común Saca a arte que levas dentro, estes obradoiros teñen por obxectivo difundir a arte escénica entre os nenos e nenas, xa que están directamente relacionados co que verán a continuación no escenario. Ao mesmo tempo, favorecen a conciliación familiar nestas datas. Os obradoiros están dirixidos especialmente para nenos a partir de cinco anos, que poden quedar neles sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por, cando menos, un adulto. A participación é gratuíta, xa que está incluída no prezo das localidades para os espectáculos, pero é imprescindible a reserva telefónica previa no teléfono 881 867 229 (operativo de luns a venres, de 9,00 a 14,00 h.).

As entradas están xa á venda no servizo electrónico entradas.abanca.com, no teléfono 902 43 44 43 e no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes de cada pase. O prezo xeral por función é de 8 euros para as localidades soltas e de 6 euros no caso da oferta familiar (mínimo de tres entradas para a mesma ou distintas funcións).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre