Inicio Galicia O CDG abre os camerinos, as oficinas e a biblioteca da súa...

O CDG abre os camerinos, as oficinas e a biblioteca da súa sede para a terceira edición do ciclo 'Teatro Ob-ceno'

0

O programa de accións escénicas no Salón Teatro de Santiago ofrece desde mañá ao domingo ‘Váter’ de Sal Do Teatro, ‘Margarita’ de Teatro En Punto e ‘Sorpresa!’ de Enconarte, cunha capacidade máxima de 15 persoas por día


O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o programa Teatro Ob-sceno, un ciclo de accións escénicas curtas a través do que abre para a exhibición artística diferentes estancias da súa sede do Salón Teatro de Santiago, todas elas fóra do escenario. Neste caso, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán as seis pezas desta edición, que se desenvolverá nas dúas vindeiras fins de semana.

Nunha primeira quenda, con tres pases desde mañá e ata o domingo cunha capacidade máxima de 15 persoas, o público irá percorrendo os devanditos espazos para gozar dunha peza en cada un deles. Así, no camerino poderá verse Váter (comedia claustrofóbica), un texto de Roberto Salgueiro sobre dous personaxes que quedan encerrados no servizo dunha sancristía e sobre como a desesperación saca á luz as súas verdadeiras personalidades. Pablo Aldrey e Borja Salgado son os seus intérpretes, baixo a dirección de Beatriz Bravo.

Nas oficinas situadas no último andar da sede do CDG, Teatro En Punto presentará Margarita, monólogo de Sonia Barros dirixido por Roberto Leal. Trátase dunha proposta baseada nun artigo da xornalista Maruja Torres sobre unha muller que se veu obrigada a rachar coas normas que rexen a sociedade actual.

Sorpresa!, de Enconarte, é a terceira das accións curtas da fin de semana, para a que a biblioteca do Salón Teatro será o escenario da festa que Nora lle preparou ao seu home polo seu 40º aniversario. A anfitrioa, á que lle dá vida Arantxa Treus, recibirá alí os convidados mentres todos agardan con expectación a que chegue o homenaxeado. A peza está dirixida por Déborah Vukušic, quen é tamén coautora do texto xunto á propia Arantxa Treus.

Horarios e venda de entradasCunha duración total dunha hora, os pases desta primeira quenda de Teatro Ob-sceno terán lugar mañá, Día das Letras Galegas, e o sábado ás 19,00 h. mais o domingo ás 20,30 h. na sede da compañía da Xunta, onde eses mesmos días se exhibirán tamén dous espectáculos de Redrum Teatro: Contos do recreo (mañá ás 18,00 h.) e Invisibles, espectáculo de concienciación social sobre a violencia de xénero coproducido co Centro Dramático Galego (sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.).

Tanto as entradas para estes pases, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Redrum poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes, desde 45 minutos antes do comezo para Teatro Ob-sceno e desde dúas horas antes para Contos do recreo e Invisibles.

O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio con outras tres pezas curtas, que se exhibirán nos mesmos horarios. No camerino, escenificarase Alicia morreu de sobredose, unha proposta de Rinoceronte Teatro creada e interpretada por Noelia Toledano.

Pola súa banda, a biblioteca acollerá Sofía, achega unipersonal de Marta Pérez, próxima ao teatro-conferencia e realizada a partir do espectáculo da compañía Inversa Teatro Sofía e as postsocráticas que puido verse o ano pasado no Salón Teatro; e Pulso, de Teatro En-Trance, unha peza de Paula Sanmartín inspirada na figura de Neal Cassady, icona da chamada Xeración Beat.

Esta segunda quenda de Teatro Ob-sceno desenvolverase canda a estrea no Salón Teatro doutra das propostas do programa de coproducións do CDG: SOMA, unha experimentación escénica que xorde da colaboración entre o coreógrafo e investigador galego Javier Martín e o escultor e performer catalán Joaquín Jara.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre