Inicio Galicia O avance na fase final das obras de integración paisaxística do Camiño...

O avance na fase final das obras de integración paisaxística do Camiño Portugués na rúa do Campo de Conxo afectarán ao tráfico a partir deste mércores

0

Os vehículos que circulen pola rúa Benéfica de Conxo cara á do Campo de Conxo deberán cambiar de sentido á altura da entrada de Televés, onde se habilitará una glorieta

Os traballos para avanzar no remate das obras de integración paisaxística do Camiño Portugués, na contorna da rúa do Campo de Conxo, afectarán ao tráfico a partir de mañá, mércores.

Para evitar no posible o impacto dos traballos no tráfico de vehículos, as tarefas están programadas para ocupar media calzada, o que permitirá manter sempre un carril de circulación, neste caso de baixada sentido SC-20 e a rúa Benéfica de Conxo. Os vehículos que circulen pola rúa Benéfica de Conxo en sentido rúa do Campo de Conxo, deberán cambiar de sentido á altura da entrada principal de Televés, onde se habilitará unha glorieta.

Pola súa banda, o tráfico que accede á rúa Campo de Conxo desde a rúa Fervenza, ou desde a travesía do Campo de Conxo, deberán xirar cara á rúa Benéfica de Conxo, non podendo facelo cara a SC-20.

Tamén se habilitarán zonas de carga e descarga próximas aos negocios existentes na contorna.

A Xunta segue progresando nas obras de mellora e integración paisaxística da chegada a Compostela do Camiño Portugués, no barrio de Conxo, que acadan un grao de execución do 75%, grazas a un investimento da Xunta de 2,7 millóns de euros.

Entre as actuacións en marcha destaca a reforma da Praza fronte ao mosteiro de Santa María, como zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que permitirá crear unha pequena Praza do Obradoiro. Este espazo estenderase ata o centro social, a escola infantil e o centro de saúde, e manterá o cruceiro no seu lugar actual.

Tamén se segue traballando no novo espazo de aparcadoiro habilitado ao carón do centro de saúde que, ao estar xa explanado, está ao servizo dos veciños cun total de 82 prazas de estacionamento habilitadas. Queda pendente estender o pavimento e a renovación.

A Xunta segue avanzando, cada vez a un ritmo máis intenso, na integración paisaxística dos Camiños á súa entrada en Santiago, con 10 millóns de euros de investimento autonómico, para preparar Compostela para o Xacobeo 2021 e para facer cidade, pensando nos veciños.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre