Inicio Galicia O avance das obras de reforma da avenida de Lugo e do...

O avance das obras de reforma da avenida de Lugo e do cruce dos Concheiros, en Santiago, imporá novos cambios de tráfico a partir do luns

0

Reprográmase o ritmo de execución dos traballos co obxectivo de avanzar o máximo posible mentres se manteñan os baixos niveis de tráfico e minimizar así a afección

O avance na execución das obras de reforma da avenida de Lugo e do cruce dos Concheiros, en Santiago, imporá novos cambios de tráfico a partir do luns.

Desde o comezo desta obras, Xunta e Concello de Santiago traballan de xeito coordinado na reformulación do plan de tráfico co obxectivo de compatibilizar do mellor xeito posible o tráfico rodado coa execución dos traballos. Agora, decidiuse reprogramar o ritmo de execución dos traballos co obxectivo de avanzar o máximo posible mentres se manteñan os baixos niveis de tráfico e minimizar así a afección. Isto supón introducir cambios na ordenación do tráfico pero sen modificar o sentido de circulación.

Así, na avenida de Lugo quedará habilitado un carril por sentido a través das vías de servizo, con acceso en sentido descendente ata á rotonda situada xunto ao centro de saúde das Fontiñas.

Tamén a avenida Rodríguez de Viguri permanecerá cun carril por cada sentido, manténdose e se manterán inicialmente as prazas de aparcamento desta zona.

Estes cambios na reordenación do tráfico permiten manter a actual dinámica de circulación, modificada co inicio das obras. Deste xeito, se seguirán a permitir os accesos actuais desde a rúa dos Concheiros e desde a rúa Fonte dos Concheiros, tal e como están na actualidade.

A rúa Londres seguirá con sentido único descendente e a rúa Berlín manterase con sentido único ascendente, ao tempo que segue prohibido o xiro desde a vía de servizo da avenida de Lugo cara á rúa Berlín. Tamén se disporán recomendacións na SC-20 (o ‘periférico’) para que os vehículos que se dirixen ao centro comercial As Cancelas ou á Xunta se desvíen pola rúa Roma.

As entradas dos Camiños á cidadeEsta actuación da Xunta no Camiño Francés, enmárcase na estratexia de integración e mellora das rutas xacobeas á chegada a Compostela, que supón investimento da Xunta de 10 millóns de euros, en beneficio de cidadáns e peregrinos.

Os traballos que se están a executar consisten na reforma do nó de Concheiros coa fin de incrementar a seguridade viaria na contorna, especialmente para os peóns, ordenar o tráfico e aumentar o espazo público dispoñible.

A actuación transformará o actual nó nunha gran praza de 6.000 metros cadrados, onde se compatibilizará o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos cun tráfico rodado fluído e seguro, facilitando, ademais, a conexión de Concheiros co das Fontiñas.

Nesta intervención, a Consellería de Infraestruturas da Xunta ten programada unha reordenación de todas as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros, facilitando movementos máis seguros, tanto para vehículos como para peóns e peregrinos.

A actuación inclúe tamén a creación dun gran espazo verde para o que se dará continuidade á ringleira de árbores existentes na avenida de Lugo cara arriba, ata o cruce de Concheiros, contribuíndo así a facer do Camiño unha ruta moito máis identificable.

De cara a reforzar a seguridade viaria da avenida de Lugo -que manterá os dous carrís de baixada e de subida-, cambiarase o pavimento existente nese punto por un chan de lastras, para inducir á redución da velocidade, fomentando un maior respecto entre condutor e camiñante.

Así mesmo, co obxectivo de ofrecer unha maior continuidade á ruta xacobea no cruce dos Concheiros, e facer que a traza do Camiño sexa moito máis identificable para o peregrino, disporase nesa zona de iluminación específica que lle servirá de guía ao camiñante. Se instalará unha tira de luminarias colgantes no nó dos Concheiros que guiarán os seus pasos cara á Praza do Obradoiro.

No proxecto inclúese a execución de dúas novas glorietas que favorecerán o acceso ao barrio de Fontiñas e mellorarán os tráficos urbanos, facéndoo así o tráfico máis fluído.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre