Inicio Galicia O autobús da Xunta de Galicia 'Engánchate ao voluntariado' chega ao Campus...

O autobús da Xunta de Galicia 'Engánchate ao voluntariado' chega ao Campus Universitario de Vigo

0

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a delegada da Xunta, Corina Porro, achegáronse a saúdar ao equipo deste programa


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, participaron hoxe na campaña de promoción da acción voluntaria posta en marcha pola Consellería de Política Social co gallo da celebración este 5 de decembro do Día Internacional do Voluntariado.

As representantes autonómicas achegáronse ata o campus universitario de Vigo para saúdar o equipo deste programa que percorre desde o pasado 26 de novembro en autobús as principais cidades e vilas galegas baixo a lenda “Engánchate ao voluntariado”.

Durante este xoves, o vehículo permanecerá emprazado ata as dúas da tarde no cruce das rúas As Pedreiras e Ilustración, concretamente na zona dos autobuses.

Tanto Cristina Pichel como Corina Porro coincidiron en pór en valor a importancia das accións voluntarias e para que cada vez sexan máis as galegas e galegos dispostos a participar nas mesmas.

Ao fío do Día Internacional do Voluntariado, a Xunta de Galicia está a desenvolver varias actividades, entre elas o encontro que ten lugar este xoves entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela.

Os campos de voluntariado enmárcanse na Campaña de Verán que todos os anos programa a Xunta de Galicia. Neste 2019 ofertáronse un total de 643 prazas, 40 máis con respecto a 2018, en 30 campos diferentes. A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.

O autobús “Engánchate ao voluntariado” estará este venres 6 de decembro na explanada do aparcadoiro da Delegación Territorial da Xunta de Galicia dando a coñecer ás persoas interesadas os programas do Goberno galego nesta materia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre