Inicio Galicia O audiovisual galego presentouse en 15 festivais e mercados internacionais co apoio...

O audiovisual galego presentouse en 15 festivais e mercados internacionais co apoio da Xunta

0

A Consellería de Cultura e Turismo adxudicou preto de 60.000 euros a 30 empresas de cinema e televisión a través das convocatorias de axudas da Agadic á promoción en certames do sector e á asistencia a feiras profesionais


A Xunta contribuíu directamente á promoción exterior do audiovisual galego cunha achega de preto de 60.000 euros a 30 empresas de cinema e televisión que participaron en 15 relevantes festivais e feiras do sector. Este apoio canalizouse a través do programa de subvencións para 2019 da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Turismo, que publicou na súa web a relación de produtoras e distribuidoras beneficiarias tanto das axudas á difusión en festivais e mostras nacionais e internacionais, como á asistencia a mercados e foros estratéxicos para o sector.

Complétanse así as adxudicacións ao abeiro do devandito programa anual de axudas ao noso audiovisual, dotado con 2,67 millóns de euros para seis convocatorias: produción e coprodución audiovisual, promoción do talento, desenvolvemento de proxectos e organización de festivais, ademais destas dúas destinadas á internacionalización.

No caso das subvencións para a promoción e difusión en festivais e mostras, a Xunta acaba de adxudicar máis de 33.000 euros para diferentes accións promocionais desenvolvidas por produtoras galegas en 10 recoñecidos certames do circuíto internacional con motivo da selección dos seus filmes, a meirande parte deles producidos tamén con subvención autonómica.

Premios internacionaisÉ o caso de Zenit TV coa estrea na Berlinale de Elisa e Marcela, programada en competición oficial, ou da premiada O que arde, producida por Miramemira e dirixida por Oliver Laxe, que recibiu este apoio para as súas presentacións no festivais de Cannes (Francia), onde foi recoñecida polo xurado da sección Un Certain Regard, e San Sebastián, como inicio dun destacado percorrido que inclúe tamén os certames de Mar del Plata (Arxentina), os estadounidenses de Chicago e Nova York, e o chinés de Hainan.

Tamén resultou galardoada a estrea de Longa noite en Locarno (Suíza), onde Eloy Enciso obtivo o Fripesci ao mellor director. A Xunta colaborou igualmente coa campaña de promoción no Toronto International Film Festival (Canadá) desta longametraxe de Filmika Galaika, que recibiu axuda, así mesmo, para o paso por estes dous festivais de Those that, at a distance, resemble another.

Ademais, nesta listaxe de títulos subvencionados atópase a exhibición de A media voz, de Matriuska Producciones, no International Documentary Film Festival (IDFA) de Ámsterdam, onde conseguiu o premio á mellor película; a estrea de Arima, de Jaione Camborda con produción de Esnatu Zinema, no Festival de Cine de Sevilla, ou as seleccións das curtametraxes Carne, de Abano Producións, na Seminci de Valladolid; De repente, la noche, de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente, no Festival de Málaga, e Irmandade, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, no Zinebi de Bilbao.

Gastos subvencionablesAs devanditas produtoras recibiron diferentes contías destinadas, entre outros gastos, a campañas de publicidade, elaboración e transporte do material de promoción específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.

Por outro lado, foron 25 as compañías subvencionadas na convocatoria para a asistencia a mercados e foros, que se puxeron en marcha por primeira vez este ano co obxectivo de sistematizar o apoio económico á presenza de produtoras e distribuidoras galegas en feiras estratéxicas para a industria do cinema e da televisión a nivel mundial. Neste caso, destináronse máis de 26.500 euros a sufragar parte dos gastos da asistencia dunha persoa por empresa (desprazamento, aloxamento e inscrición) a mercados como o European Film Market de Berlín, Sunny Side of the Doc na Rochelle (Francia) e Marche du Film, MIPCOM e MIPTV en Cannes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre