Inicio Galicia O alumnado do IES Xoán Montes profundiza no coñecemento da Muralla nunha...

O alumnado do IES Xoán Montes profundiza no coñecemento da Muralla nunha xornada divulgativa promovida pola Xunta

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, participou nos actos e lembrou que unha das máis recentes intervencións foi precisamente no cubo do monumento que pecha o patio dese centro


A Xunta de Galicia organizou unha xornada divulgativa sobre a Muralla de Lugo dirixida ao alumnado do Instituto de Educación Secundaria (IES) Xoán Montes, que durante meses foi testemuña dunha das últimas intervencións que afectaron ao monumento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou nos actos e sinalou que “con cada actuación descóbrense novos achados e imos aclarando a historia da Muralla e de Lugo, que van parellas”. Neste sentido, lembrou que no caso concreto do cubo VII, que rodea o patio do instituto, a actuación -rematada a finais do pasado ano- serviu para investigar as escaleiras interiores de acceso ao adarve encontradas así como para liberar un espazo abovedado que a mediados do pasado século foi utilizado para acoller un centro de transformación eléctrica.

O encargado de difundir este e outros coñecementos entre o alumnado foi o arquitecto José Ignacio López de Rego, que fixo referencia ás medidas de protección do monumento, entre as que destacan os proxectos de rehabilitación, seis nos últimos anos en distintos puntos entre os que se contan o do instituto Xoán Montes e o que está actualmente en marcha á altura da rúa Clérigos.

A Xunta, como titular do monumento e responsable da súa xestión, mantén unha especial atención sobre este ben mundial con actuacións planificadas para a súa conservación e posta en valor. Dentro destas últimas teñen cabida xornadas como a celebrada hoxe, para que os lucenses -e especialmente as novas xeracións- coñezan mellor a Muralla e se impliquen no seu coidado e protección.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre