Inicio Galicia O alumnado das tres universidades galegas ve positivamente as medidas antiplaxio adoptadas...

O alumnado das tres universidades galegas ve positivamente as medidas antiplaxio adoptadas polo profesorado

0

A Consellería e as tres universidades galegas afondaron hoxe nun estudo elaborado ao respecto, segundo o cal o alumnado de grao considera que citar as fontes lles serve para recoñecer o mérito dos autores orixinais


A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na II Conferencia Interuniversitaria O plaxio no Sistema Universitario de Galicia, desenvolvida hoxe na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña. No encontro afondouse no estudo financiado pola Consellería para identificar e analizar as causas ás que o alumnado de grao e máster das universidades galegas alude para cometer plaxio na elaboración dos traballos académicos.

Na súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia incidiu na necesidade de que as universidades colaboren, como o fan a través da conferencia celebrada hoxe, na prevención e detección do plaxio, “o que vai redundar na mellora da calidade e do impacto da produción científica, así como na competitividade das tres universidades como axentes de desenvolvemento económico e social”. “Disto depende non só a consideración dos traballos realizados, senón tamén, en último termo, o prestixio académico de cada institución por separado e do Sistema Universitario de Galicia no seu conxunto”, dixo.“As tres universidades públicas galegas están chamadas a desenvolver unha importante tarefa en beneficio da sociedade galega, como transmisoras de coñecemento, formadoras de xeracións futuras e, tamén, como xeradoras de investigación e de innovación en distintos campos”, explicou, ao que engadiu “unha actuación firme e unificada contra lacras como a do plaxio redunda en beneficio do noso modelo universitario, pioneiro e referente en España”.

Estudo sobre o plaxioA mostra do Estudo sobre o plaxio académico no Sistema Universitario de Galicia analizado hoxe estivo conformada por 8.943 estudantes (65.7% mulleres e 33.5% homes), cunha idade media aproximada de 21 anos. Por rama de coñecemento, algo máis da metade do alumnado participante no estudo está a cursar un título de Ciencias Socias e Xurídicas (57.1%), o 16.6% de Ciencias da Saúde, o 10.2% da rama de Enxeñaría e Arquitectura e o 9.2% e o 6.8% á de Ciencias e Artes e Humanidades respectivamente. A recollida de información realizouse mediante un cuestionario deseñado ad hoc.

Os principais resultados do estudo poñen de manifesto a existencia dunha tendencia común na percepción do alumnado con respecto ao plaxio, moi similar en todas as ramas de coñecemento, nas tres universidades galegas e tanto en grao como en máster.

Neste sentido, a percepción de todo o alumnado analizado dos títulos de Grao da UDC, da USC e da UVigo, independentemente da rama de coñecemento, sobre as actuacións realizadas polo profesorado para evitar o plaxio, evidencia que o profesorado lle ofrece ao alumnado directrices previas para a realización dos traballos académicos, leva a cabo un seguimento dos mesmos prestándolles atención individualizada na aula/titorías en relación á citación de fontes e ao proceso de escritura académica, así como á motivación e que valorando de xeito positivo a correcta citación de fontes no proceso de avaliación.

Así mesmo, todo o alumnado dos títulos de Máster, independentemente da rama de coñecemento, amosa, ao igual que o alumnado de Grao, unha tendencia xeral a valorar positivamente as accións levadas a cabo polo profesorado para evitar o plaxio.

UtilidadeNo referido á utilidade das opcións ofrecidas polo profesorado para evitar o plaxio, todo o alumnado analizado dos títulos de grao valora positivamente o proceso de citación en canto lle serve para recoñecer o mérito dos autores orixinais, para remitir ás fontes orixinais e para apoiar os seus argumentos. Porén, non considera que o proceso de citación sirva para demostrar que aprendeu de maneira adecuada ou para xerar discusións.

No caso dos estudantes de máster, amosan unha tendencia xeral a valorar positivamente a utilidade de citar traballos académicos, pero segue a manifestar que citar correctamente débese en maior medida a un requisito universitario.

Cita e copiaNo referido ás súas propias prácticas á hora de elaborar traballos, o alumnado de grao analizado admite ter incorporado aos seus traballos fragmentos de textos escritos e de apuntes sen citar adecuadamente a fonte, pero o que menos fai é entregar como propio un traballo descargado de Internet sen modificalo.

Do mesmo xeito, todo o alumnado dos títulos de máster afirma, en xeral, non cometer plaxio ao longo destes estudos, entendendo por plaxio a copia total de traballos. Aínda así admiten empregar nalgunha que outra ocasión prácticas deshonestas como a incorporación aos traballos de copias de fragmentos, tanto de fontes impresas como de páxinas web. Neste sentido, ve como algo negativo a copia íntegra de traballos pero non como conduta tan grave o feito de copiar partes de traballos ou fragmentos de fontes.

AutopercepciónA autopercepción dos estudantes de grao con respecto ao plaxio difire respecto da percepción que teñen da realización deste tipo de práctica polos compañeiros. Neste sentido, manifestan o seu acordo co feito de que o seu grupo de iguais realiza de maneira frecuente a copia parcial de fragmentos sen citar, aínda que non recoñecen eles mesmos nesa práctica.

No caso dos máster, o resultado é moi similar, isto é, todo o alumnado ten a perspectiva de que o plaxio é diferente cando é cometido polo propio estudante ou polos compañeiros. Así, o estudantado amosa o seu acordo co feito de que a copia parcial de textos, xa sexa de fontes impresas ou de internet, é unha práctica habitual por parte dos seus iguais, pero non nel mesmo. Son prácticas menos recurrentes a copia total de traballos.

CausasNo referido ás causas, o alumnado de grao sinala que as principais son a falta de tempo e a sobrecarga de traballo (factores externos non controlables). Pola contra, non consideran que sexa unha causa para levar a cabo accións de plaxio o descoñecemento da existencia de normativa na universidade que o penalice, nin tampouco, a gravidade das sancións.

No caso dos estudantes de máster, as principais causas son a falta de tempo e a sobrecarga de traballo. A maiores, fan referencia tamén á facilidade e á comodidade do acceso ao material vía Internet como outra das posibles causas de cometer plaxio. Tendo en conta as accións menos valoradas, en xeral o alumnado de máster considera que cometer plaxio non ten relación co descoñecemento da existencia de normativa e a gravidade das sancións impostas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre