Inicio Galicia O 90% dos internautas galegos considera necesario dispor de máis información sobre...

O 90% dos internautas galegos considera necesario dispor de máis información sobre ciberseguridade

0

O primeiro estudo da Xunta sobre a seguridade e confianza dixital nos fogares galegos analiza o coñecemento da sociedade neste ámbito

A ciberseguridade preocupa aos galegos e o 90% considera recomendable ter máis información para navegar de xeito seguro pola rede. Esta é unha das principais conclusións do primeiro estudo “Ciberseguridade e confianza dixital nos fogares galegos. Edición 2017”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O obxectivo deste informe, o primeiro deste tipo que realiza a Administración autonómica é analizar o coñecemento en materia de ciberseguridade na sociedade galega.

O menor grao de confianza rexistrado en EspañaO 38,2% dos internautas galegos confían pouco ou nada en Internet. O grao de confianza dos galegos que navegan a través da Rede é a menor dos rexistradas en España, situándose 5,5 puntos porcentuais por baixo da media española.

Ademais un 28,9% dos está moi preocupado pola privacidade en Internet e amósase preocupado ante a posibilidade de que as súas actividades en Internet poidan ser gravadas por outras persoas ou empresas.

Preto da metade sufriu incidentes de seguridade en InternetO 47,4% dos internautas galegos declararon ter sufrido algún incidente coa seguridade en Internet no último ano. Os virus son os incidentes máis habituais (36,9%,) seguidos pola perda involuntaria de información (12%).

Un dos riscos asociados aos incidentes de ciberseguridade é facilitar información de carácter persoal a través de Internet. Neste senso, cabe salientar que un 67,2% dos internautas galegos facilitaron voluntariamente información de contacto (dirección, número de teléfono ou e-mail) e un 60,7% proporcionaron datos persoais (número do documento de identidade, data de nacemento,…). Ademais, catro de cada dez internautas (43,9%) facilitaron detalles de pago (por exemplo, número de tarxetas de crédito ou de contas bancarias).

A importancia das medidas de seguridade e privacidadeO 69,1% dos internautas galegos empregaron algún tipo de software ou ferramenta de seguridade. A diferenza coa media española (71,8%) é de tan só 2,7 puntos porcentuais, aínda que en termos globais, sitúa aos internautas galegos nos últimos postos en canto ao uso de medidas de ciberseguridade.

Entre as medidas de seguridade e privacidade adoptadas polos internautas galegos, cabe salientar a denegación de permiso de información persoal para fins publicitarios (78,9%) e a limitación do perfil ou contidos das redes sociais (77,2%). Ademais, máis da metade dos internautas galegos (51,1%) realizan regularmente copias de seguridade da súa información persoal.

No caso concreto das medidas de seguridade aplicadas nos teléfonos móbiles ou tablets, o recurso de protección máis empregado polos internautas galegos é o uso do PIN de desbloqueo (81,6%), seguido a moita distancia polo uso da pegada dixital ou datos biométricos (23%).

A desconfianza ante os posibles perigos da navegación ou uso de Internet, tamén incide nas redes WIFI ás que se conectan. Así, un 40,2% dos internautas galegos verifica que as redes WIFI distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes WIFI con seguridade.

En relación ás cookies, as aplicacións que se instalan nos equipos dos usuarios e recaban información deles, un 64,1% dos internautas galegos manifesta que coñece as cookies, dos cales, máis da metade indicou que directamente deixou de navegar polos sitios web que empregan cookies.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre