Inicio Galicia O 32,7% dos galegos xa prefire internet para solicitar unha cita en...

O 32,7% dos galegos xa prefire internet para solicitar unha cita en atención primaria fronte ao 27,6% da media do estado

0

O 17% dos enquisados manifesta que foi atendido polo seu médico de cabeceira o mesmo día que pediu a cita

O 32,7% da cidadanía galega empregou o pasado ano a Internet para solicitar unha cita nun centro de saúde da rede de atención primaria do Sergas, unha porcentaxe superior en algo máis de 5 puntos porcentuais á da media do resto de España, onde o emprego do sistema de citas a través da rede telemática é do 27,6%. Así se desprende dos datos do Barómetro sanitario correspondente ao ano 2018 publicado polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social.

O 45% da cidadanía galega enquisada refire que emprego o teléfono para solicitar unha cita co seu médico de cabeceira, mentres que un 19% dos galegos a solicitou de forma presencial, acudindo directamente ao seu centro de saúde (a nivel nacional, esta porcentaxe sitúase no 25,3%).

Segundo o datos do Barómetro sanitario, o 17% dos enquisados en Galicia (16,2% na media do SNS) manifesta que foron atendidos polo seu médico de cabeceira o mesmo día que pediron a cita; un 50% refire que foi atendido ao día seguinte (en España a media é do 31,3%) e un 28% di que pasou máis dun día (a nivel nacional, a media sitúase no 46,1%). Máis da metade, en concreto o 51,2% indica que lle pareceu ben que o atenderan o día en que lle deron a cita (a nivel nacional, a media é do 32,9%), mentres que un 48,8% houbese preferido que fose antes. No resto de España esta porcentaxe sitúase no 66,1%.

A meirande parte da cidadanía galega que participou o pasado ano na enquisa do Barómetro sanitario destaca que puido participar, tanto como o desexou, nas decisións, no ámbito da atención primaria, sobre o seu problema de saúde e o seu tratamento. En concreto, esta porcentaxe sitúase no 81,2%, preto de tres puntos porcentuais máis que na media do Estado; e o 90,6% subliña que o profesional sanitario de atención primaria (en concreto, o seu médico de cabeceira) deulle a oportunidade de facer preguntas ou de formular preocupacións. Tamén é valorado cun notable o coñecemento do historial e o seguimento dos problemas de saúde de cada usuario (7,49 puntos sobre 10) e a información recibida polo paciente sobre o seu problema de saúde (7,56 sobre 10).

Cun notable tamén son valoradas, no ámbito da atención primaria, cuestións como os coidados e atención recibida do persoal médico (7,60 puntos), a recibida polo persoal de enfermería (7,61), a confianza e seguridade que transmite tanto o persoal médico (7,70) como o de enfermería (7,57) así como o tempo dedicado polo médico a cada paciente (7,32 puntos sobre 10). E en xeral, os 88,1% dos enquisados considera boa o moi boa a atención recibida nas consultas de atención primaria.

Cómpre destacar que preto do 47% da cidadanía galega enquisada tamén refire, pola súa experiencia persoal, como moi boa ou boa a comunicación entre o médico ou pediatra de atención primaria, o especialista e o ingreso nun hospital, preto de tres puntos porcentuais máis que na media do Sistema Nacional de Saúde.

Hábitos de vida saudablesAdemais, e segundo se desprende dos datos do Barómetro sanitario referido ao pasado ano, os enquisados na nosa comunidade autónoma manifestan nun 45% o seu médico de cabeceira ou o persoal de enfermería de atención médica lle da habitualmente ou case sempre consellos sobre alimentación e hábitos de vida saudables.

En relación co tabaco, e en concreto cos cigarros electrónicos, o 82,3% dos enquisados oíron falar destes dispositivos; máis da metade consideran que poden supoñer un risco para a saúde e un 65% considera que a venta tanto dos cigarros electrónicos como o tabaco sen combustión en lugares públicos debería regularse de igual forma que se fixo co tabaco tradicional.

Ademais, preto do 40% dos enquisados manifestan que se debería ampliar a lista de lugares onde debería estar prohibido fumar. Entre o listado proposto, o 78,6% cree que se debería prohibir esta práctica nos coches particulares só cando viaxen menores de idade; o 67,6% faría extensible a prohibición cando viaxen nos vehículos particulares tamén outras persoas e un 54,3% non deixaría fumar nin en estadios de fútbol, nin noutros centros deportivos ao aire libre.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre