Inicio Galicia O 061 de Galicia manifesta novamente a súa máis firme condena ás...

O 061 de Galicia manifesta novamente a súa máis firme condena ás sabotaxes sufridas polas ambulancias do sistema público de urxencias e emerxencias

0

Como servizo esencial para a poboación, os servizos mínimos establecidos durante a folga son do 100%

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 manifesta novamente a súa máis firme condena ante as sabotaxes realizadas contra as ambulancias, que conforman o sistema público de urxencias e emerxencias, producidas durante a segunda convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 18 ás 00,00 horas e que está previsto se manteña ata as 23,59 horas do próximo domingo, 24 de febreiro. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas, pintadas e outros actos vandálicosDesde as 12,00 horas do día 21 e ata ás 12,00 de hoxe, 22 de febreiro, rexistráronse picadas nas rodas de 29 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de Vigo e Lugo (tres ambulancias); Negreira e Boiro (dúas ambulancias); Vilalba, Ribeira, A Pontenova, Palas de Rei, Meira, Tui, Becerreá, Sarria, O Porriño, Melide, Noia, Redondela, Mazaricos, Ponteceso, Narón, Nigrán, Santiago, Ponteareas e Guitiriz. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade. Ademais, realizáronse pintadas na ambulancia de SVB de Sarria e nunha ambulancia de soporte vital avanzado de Vigo; outras ambulancias asistenciais de SVB tamén sufriron diferentes actos vandálicos.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre