Inicio Galicia No que vai de ano o Sergas activou un total de 1.900...

No que vai de ano o Sergas activou un total de 1.900 códigos ictus dentro do plan de asistencia a esta patoloxía

0
image_gallery.jpg

Dende a posta en marcha do Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia, impulsado polo Servizo Galego de Saúde en xullo de 2016, o número de códigos ictus activado foi de máis de 8.000


“Estamos a vivir unha situación sen precedentes provocada pola covid-19 pero non por iso deixamos de atender aos pacientes que presentan outras patoloxías graves, e moito máis cando son tempo-dependentes como no caso do ictus, e, no que vai de ano, activáronse máis de 1.900 códigos ictus”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego subliñou que, dende a posta en marcha do Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia, posto en marcha polo Servizo Galego de Saúde en xullo de 2016, o número de códigos ictus activado foi de máis de 8.000, as fibrinolises intravenosas realizadas superan as 1.700, e, ademais, realizáronse máis de 900 tromboectomías mecánicas.

Mellora do planO conselleiro sinalou, así mesmo, que, neste momento, a Comisión de Control e Seguimento do Ictus está a realizar unha revisión do Plan, coa finalidade de actualizalo en aspectos relacionados co diagnóstico e tratamento e a organización da resposta asistencial. Esta mellora anunciada polo conselleiro, estará baseada nas máis recentes achegas da evidencia científica.

García Comesaña remarcou que o Sergas conta con tres unidades de ictus, nos complexos hospitalarios universitarios da Coruña e Santiago e no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e ademais, ten en funcionamento seis equipos de ictus nos hospitais de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Mariña e Povisa.

O Sergas traballa, tamén, para que os servizos de urxencias dos hospitais comarcais teñan a capacidade e a formación necesaria para realizar a fibrinolise intravenosa no caso de identificar un episodio de ictus isquémico.

Para acadar unha atención óptima, independente do lugar no que se atope o paciente, o Sergas creou unha Central de Atención ao Ictus, conformada por un equipo de neurólogos expertos en manexo e diagnóstico desta patoloxía, dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano, que ofrecen ao médico responsable do paciente soporte para o diagnóstico e tratamento a través da telemedicina.

Os neurólogos da Central contan cun acceso directo á videoconferencia co centro do Sergas no que se atope o paciente, e usan a historia clínica electrónica como elemento integrador da información, examinando en tempo real mediante unha cámara web de alta resolución e analizando a imaxe radiolóxica e tomando unha decisión compartida sobre a actitude terapéutica a tomar co médico que o está a atender.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre