Inicio Galicia Nicolás Vázquez toma posesión como novo secretario xeral técnico de Medio Rural...

Nicolás Vázquez toma posesión como novo secretario xeral técnico de Medio Rural e José Balseiros repite como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

0

Foi nun acto celebrado esta mañá en San Caetano e presidido polo conselleiro José González

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá a toma de posesión do novo secretario xeral técnico da Consellería, Nicolás Vázquez, e do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Neste acto, o conselleiro destacou a valía e profesionalidade de ambos altos cargos e animounos a redobrar os seus esforzos en beneficio do noso agro en particular e de toda Galicia en xeral. Pola súa banda, os nomeados agradeceron a confianza depositada neles polo titular da Consellería e reafirmaron o seu compromiso a prol do medio rural galego.

Secretario xeral técnicoNicolás Vázquez, o novo secretario xeral técnico da Consellería, substitúe no posto a María Jesús Lorenzana, que vén de ser nomeada conselleira de Emprego e Igualdade. É Licenciado en Ciencias Físicas e Enxeñeiro Superior Industrial -na súa especialidade de Técnicas Enerxéticas-. Conta ademais cun máster universitario en Xestión de Enerxías Alternativas. Nado en Lugo, era ata o de agora Vicesecretario Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Foi consultor de sistemas de información na empresa privada desde 1997 ata 2001. Posteriormente desenvolveu o seu labor no Instituto Enerxético de Galicia. Neste centro, desempeñou cargos como xefe da Unidade Técnica de Estudos e Promoción de Enerxías Renovables desde 2001 a 2009, desde 2009 ata 2014 foi xefe de área de Enerxías Renovables e de 2014 a 2015 foi xefe da Unidade Técnica de Enerxía Eólica e Mareomotriz.

No 2015 pasou a formar parte do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, na escala de enxeñeiros industriais, ano no que se incorporou ao posto que desempeñaba ata a actualidade. Ademais, Nicolás Vázquez ten impartido cursos de formación, xornadas e congresos relacionados coa eficiencia enerxética, co desenvolvemento sostible, coa investigación, o desenvolvemento e a innovación no sector enerxético e coa bioenerxía e a biomasa forestal, entre outros.

Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias AgroalimentariasPola súa banda, José Balseiros repite no cargo como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Nado en Cerdedo (Pontevedra) en 1961, José Balseiros xa desempeñara esta responsabilidade na anterior lexislatura, dende outubro de 2018 ata o seu cesamento por concorrer nas listas do Partido Popular ás eleccións autonómicas.

Ata a súa incorporación ao Goberno galego, exerceu como deputado autonómico polo Partido Popular (dende novembro de 2016) e foi vogal da comisión especial do forestal e de incendios e portavoz desta mesma área dentro do grupo parlamentario popular na Cámara galega.

Diplomado en Lingua Administrativa e Xurídica Galega e técnico informático na especialidade de aplicacións para a Administración Local, a súa experiencia profesional e carreira política estivo sempre moi vinculada ao ámbito municipal, tanto en calidade de empregado público na Delegación Provincial de Estatística en Pontevedra como, posteriormente, no Concello de Cerdedo.

Neste municipio pontevedrés exerceu primeiro de tenente de alcalde e logo de rexedor, entre xaneiro de 2005 e outubro de 2016. Foi tamén deputado provincial por Pontevedra na lexislatura 2007-2011 e vicepresidente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar, dende xuño de 2006 ata novembro de 2017. Xa como deputado no Parlamento galego, estivo como vogal en diferentes comisións, entre elas a de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, sendo tamén membro da Deputación Permanente da Cámara.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre