Inicio Galicia Nava Castro salienta o potencial de Ferrol ao posicionarse entre as cidades...

Nava Castro salienta o potencial de Ferrol ao posicionarse entre as cidades galegas nas que os viaxeiros permanecen máis días

0

A directora de Turismo participou hoxe na iniciativa Conversas no Parador, organizada polo Club de Prensa de Ferrol onde analizou a actualidade turística


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o destacado potencial da cidade de Ferrol, que está a conseguir que a súa demanda turística medre de xeito constante e que parámetros de calidade, como a estadía media, tamén medren ata posicionar esta cidade entre as urbes galegas nas que os viaxeiros elixen permanecer máis días.

Así o manifestou durante a súa participación no ciclo Conversas no Parador, organizada polo Club de Prensa de Ferrol onde analizou a actualidade turística da comarca. Como explicou, e tomando como base os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Ferrol “é un destino que medra en interese por parte dos turistas e iso está a contribuír no sector”.

De feito, dixo, no que vai de ano chegaron máis de 43.600 viaxeiros que fixeron máis de 94.000 noites, un 1% máis. Ademais, a cidade de Ferrol é a terceira das sete cidades galegas con mellores índices de estadía media, demostrando que cada vez os viaxeiros elixen permanecer máis días nese destino. Nava Castro tamén recordou a importancia de seguir traballando na desestacionalización turística na cidade de Ferrol e tamén na súa internacionalización “para facer medrar ese 23% que supoñen a día de hoxe os viaxeiros estranxeiros que elixen Ferrol como destino”, indicou.

A directora de Turismo de Galicia puxo de manifesto, ademais, a oportunidade que o sector turístico da comarca ten tamén no Camiño de Santiago. Neste sentido recordou os máis de 15.000 peregrinos que escolleron este ano este itinerario e que, segundo as cifras da Oficina do Peregrino, son cifras un 11% superiores ás de hai un ano.“Esta ruta está a experimentar un importante crecemento no último lustro que ven acompañado por unha importante aposta da Xunta de Galicia por poñer en valor este trazado. Temos comprometidos preto de 1,3 millóns de euros no trazado do Camiño Inglés”, dixo Nava Castro recordando que este ano tamén está en marcha unha operación para garantir unha adecuada conservación dos Camiños de Santiago e que, no caso do Camiño Inglés suporá actuar en máis de 100 km de 18 concellos cun investimento de preto de 900.000 euros.

Nava Castro salientou tamén as diferentes fortalezas deste destino como a súa candidatura a Patrimonio Mundial Ferrol, Porto da Ilustración; así como os seus recursos industriais, patrimoniais, naturais e tamén culturais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre