Inicio Galicia Nava Castro salienta o papel dunha eficaz xestión de fluxos turísticos para...

Nava Castro salienta o papel dunha eficaz xestión de fluxos turísticos para conservar e manter vivo o patrimonio cultural

0

A directora de Turismo de Galicia participou hoxe na mesa redonda ‘Visión europea e nacional do réxime de acceso e visitas dos bens de interese cultural’, no marco dunhas xornadas formativas que se celebran en Santiago de Compostela


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou hoxe a importancia que unha eficaz xestión de fluxos turísticos ten para garantir a conservación e para manter vivo o patrimonio cultural dun destino. Así o manifestou na xornada A protección do patrimonio histórico e a súa conexión co réxime urbanístico onde participou nunha mesa redonda ao redor do réxime de acceso e visitas dos bens de interese cultural, moderada polo secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, e na que tamén participaron o maxistrado David Ordóñez, a letrada Isabel Novo e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo.

Durante a súa intervención, Nava Castro fixo referencia á crecente importancia que está a acadar o turismo cultural en destinos de todo o mundo, onde Galicia, dixo, xoga un destacado papel grazas aos seus recursos propios, con máis de 700 Bens de Interese Cultural (BICs) repartidos polas catro provincias así como o seu abundante patrimonio material e inmaterial.

Neste contexto, salientou a importancia de xestionar a actividade turística desde parámetros de sustentabilidade, é dicir, facendo un uso responsable dos recursos do destino e emprendendo unha eficaz xestión de fluxos turísticos. Iso é, dixo, un factor clave para manter vivo o legado cultural que atesouran destinos como o galego.

Durante a mesa redonda tamén se puxo de manifesto a oportunidade que ofrece a tecnoloxía, da man do Big Data, como aliada dos destinos á hora controlar a capacidade de carga e diversificar e especializar a oferta turística. Aludiu, ademais, á importancia de empregar estas grandes cantidades de datos de xeito cualitativo, a través do chamado Smart Data, que permite coñecer as preferencias, hábitos e desexos dos viaxeiros e ofrecer así experiencias turísticas cada vez máis personalizadas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre