Inicio Galicia Nava Castro salienta o aumento da competitividade do sector hoteleiro galego grazas...

Nava Castro salienta o aumento da competitividade do sector hoteleiro galego grazas á súa aposta pola profesionalización

0

Recordou que acumula catro anos consecutivos de crecemento da súa rendibilidade e que Galicia lidera o número de establecementos que teñen o distintivo Q de Calidade Turística en eidos como o turismo rural ou os hoteis

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o aumento da competitividade do sector hoteleiro galego, que acumula catro anos consecutivos de aumento da súa rendibilidade e que rematou o ano pasado cun incremento de case un 5% no número de traballadores ocupados, e animouno a seguir apostando pola súa profesionalización e formación.Así o manifestou no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) durante a clausura da segunda edición de #HotelForumCSHG, o foro impulsado por Turismo de Galicia orientado a estudantes e profesionais do sector turístico. Nel déronse cita numerosos expertos de ámbito nacional e internacional para debater sobre as novas estratexias e oportunidades de investimento no negocio hoteleiro.Durante a súa intervención, Nava Castro salientou a importancia de ter un sector profesionalizado á hora de que Galicia estea a ser “cada vez máis valorada como destino e que o crecemento turístico que estamos a vivir sexa sostido e planificado”, indicou. Referiuse, ademais, ao compromiso dos profesionais galegos coa excelencia, como demostra o feito de que a Comunidade galega lidere en España o número de establecementos con Q de Calidade Turística en eidos como o turismo rural –onde a metade das casas con este distintivo están en Galicia– e o dos hoteis, con case o 20%.Esta melloría da competitividade tamén se reflectiu o ano pasado en indicadores como o emprego. O sector turístico de Galicia rexistrou máis de 113.000 ocupados, unha cifra case un 5% superior ao ano anterior. “Neste contexto é momento de seguir traballando na consecución dos nosos retos e compromisos porque nos importan as cifras, pero tamén o benestar dos que aquí vivimos e dos que nos visitan”, indicou Nava Castro.Innovación e emprendemento#HotelForumCSHG enmárcase no compromiso de Turismo de Galicia por impulsar a formación continua do sector, como así se reflicte na Estratexia do turismo de Galicia 2020 que dedica unha das súas once liñas especificamente a este capítulo. Esta segunda edición afondou nas últimas tendencias da propiedade dos negocios hoteleiros, a innovación e o emprendemento hoteleiro, así como as novas tipoloxías de aloxamento, entre outros temas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre