Inicio Galicia Nava Castro salienta en Oviedo a oportunidade de Galicia para multiplicar o...

Nava Castro salienta en Oviedo a oportunidade de Galicia para multiplicar o seu potencial turístico coas comunidades do norte

0

A directora de Turismo participou hoxe nun workshop para presentar o destino a operadores asturianos, un mercado que medrou un 2,5% en 2017 e que se consolida como un dos principais emisores de turismo nacional á Comunidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe en Oviedo ao Workshop de destino Galicia para mercados de proximidade, organizado polo Clúster Turismo de Galicia, onde salientou a oportunidade de Galicia para multiplicar o seu potencial e consolidarse como destino máis competitivo aproveitando as alianzas turísticas que mantén con outras comunidades do norte, tanto baixo a marca España Verde como dentro da Macrorrexión das Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE).

Coa participación de 60 empresarios galegos, esta misión comercial serviu para pór en valor os principais atractivos de Galicia para mercados como o asturiano, un dos máis estratéxicos dentro do turismo nacional. O número de viaxeiros asturianos que Galicia recibiu en 2017 medrou un 2,5% e este mercado se está a consolidar como o quinto nacional en importancia, por detrás de Madrid, Castela e León, Andalucía e Cataluña.

Xunto a estes datos, a porcentaxe de excursionistas que proveñen do Principado de Asturias é tamén relevante. Os procedentes da zona máis occidental son os que supoñen un maior volume, chegando a roldar a cifra de un millón en 2017 e converténdose así no 55% do total.

Enogastronomía galegaDurante a xornada de traballo, os operadores asturianos estiveron especialmente interesados no potencial de Galicia no eido do Camiño de Santiago, o termalismo, o turismo activo, a cultura, o patrimonio ou a enogastronomía. Neste último aspecto, o workshop incluíu unha cea con produtos galegos elaborada polo chef Kike Piñeiro, de A Horta d’Obradoiro, un dos 22 restaurantes galegos Bib Gourmand recoñecidos pola Guía Repsol.

Ademais de servir de importante punto de encontro para atraer turismo de proximidade a Galicia, a posta en marcha de workshops como este son unha oportunidade para que ambos destinos traballen xuntos aproveitando recursos comúns para que os turistas que visiten Asturias inclúan Galicia nos seus percorridos, e tamén para que os que elixan a Comunidade galega decidan continuar uns días máis na Comunidade asturiana.

Coa presenza de Nava Castro, Turismo de Galicia continúa así coa súa aposta de colaboración público-privada co sector representado nestas xornadas polo Clúster Turismo de Galicia, cumprindo así os obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020. 


- Te recomendamos -