Inicio Galicia Nava Castro salienta en Oporto a total colaboración da Xunta coas administracións...

Nava Castro salienta en Oporto a total colaboración da Xunta coas administracións portuguesas para promover o Camiño

0

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Portugal na presentación do proxecto europeo ‘Fazendo o Camiño’ do que a Xunta é socio


Oporto (Portugal), 16 de xaneiro de 2020.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Oporto na presentación do proxecto europeo Fazendo o Camiño, no que a Xunta participa xunto a Turismo Porto-Norte de Portugal, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e á Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para consolidar as rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable patrimonial, cultural e natural.

Como indicou a directora, ao abeiro deste proxecto, a Xunta asesora ao país luso na súa xestión, sinalización, mantemento, promoción e divulgación ao redor do Camiño de Santiago tendo moi en conta que o Camiño Portugués e a súa variante costeira suman máis de 96.000 peregrinos e están a vivir un importante crecemento nos últimos anos. É, dixo, unha gran oportunidade para ambos territorios, especialmente para os concellos do rural onde en Galicia se ten comprobado que xenera riqueza e supón un impulso socieconómico.

Recordou a experiencia que a Xunta ten á hora de realizar labores de conservación, mantemento e divulgación do Camiño de Santiago, así como na atención ao peregrino con máis de 70 albergues na súa rede pública. Asegurou que proxectos como Fazendo o Camiño permiten que toda esa experiencia poda ser compartida con Portugal e reforzar así as sinerxías entre ambos territorios.

Traballo de campoA presentación de hoxe dá continuidade ás accións emprendidas o pasado ano cando se celebraron en Galicia as primeiras reunións técnicas para dar a coñecer o modelo de xestión así como os traballos de cara ao vindeiro Ano Santo. Tamén se realizaron visitas de campo para coñecer a rede pública de albergues da Xunta, amosando o traballo na rehabilitación de inmobles para a acollida de peregrinos tomando como exemplo o Camiño de Fisterra e Muxía.

Fazendo o Camiño foi aprobado no marco da segunda convocatoria do Programa Interreg V (POCTEP) e desenvolverase ata o ano 2021, cunha serie de actividades que buscan mellorar a xestión conxunta e a afluencia turística do Camiño de Santiago, así como incrementar a implicación local na conservación e protección da ruta xacobea.

Entre as distintas actividades programadas incluirase a creación en Portugal do Consejo Luso-Galaico do Camiño de Santiago no que estarán representados todos os beneficiarios que buscará lograr o recoñecemento institucional que precisan as rutas xacobeas en Portugal para o seu desenvolvemento ordeado e sustentable.

Asesoramento para a regulación portuguesaEn virtude deste programa tamén se prevé a realización de estudos e análises estatísticos que permitan coñecer as particularidades do Camiño de Santiago en territorio luso e galego que sirvan como base dunha estratexia transfronteiriza conxunta atendendo a todas as compoñentes da ruta xacobea, tanto territorial como turística, económica e patrimonial.

Este proxecto encaixa nos obxectivos plasmados no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 no que a Xunta de Galicia traballa coa vista posta no Ano Santo para protexer e divulgar todas as rutas de peregrinación e afondar na colaboración e coordinación entre distintos países. Ademais tamén dá continuidade aos traballos conxuntos emprendidos entre Galicia e Portugal desde 2015, que fixeron posible a posta en marcha do decreto-lei que regula o Camiño de Santiago no país luso. Trátase dunha regulación que contou co asesoramento de Galicia, participando nalgunhas das reunión e consultas sobre esta normativa coa intención de harmonizar a xestión ao redor do Camiño en ambos territorios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre