Inicio Galicia Nava Castro salienta a oportunidade do sector enoturístico coa nova plataforma de...

Nava Castro salienta a oportunidade do sector enoturístico coa nova plataforma de comercialización online impulsada pola Xunta

0

A directora de Turismo de Galicia, acompañada polo delegado territorial de Pontevedra, asinou un convenio con representantes das Rutas do Viño de Galicia


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asinou hoxe cos representantes das cinco Rutas do Viño de Galicia un convenio que posibilitará a posta en marcha da plataforma online de comercialización de experiencias enoturísticas que, como explicou, se converterá nunha oportunidade para o sector vitivinícola e turístico galego.

Durante o acto, Nava Castro recordou a aposta da Xunta por facilitar a experiencia dos viaxeiros que elixen Galicia e tamén por impulsar a competitividade e modernización dos profesionais do turismo con ferramentas como esta nova plataforma que a partir do ano próximo permitirá mercar paquetes enoturísticos coa mesma facilidade e inmediatez que a día de hoxe se pode reservar a través de internet un voo ou un hotel.

No acto tamén participaron o presidente da Ruta do Viño das Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; o presidente da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; e o tesoureiro da Ruta do Viño do Ribeiro, Francisco José Fernández, así como o representante do Cluster TIC Galicia Santiago Paz, quen explicou que nunha fase a plataforma permitirá que os viaxeiros e os propios galegos teñan ao seu alcance, nun único sitio web, toda a información e oferta enogastronómica dispoñible no territorio que abarcan as denominacións de orixe vitivinícolas, así como os servizos complementarios.

Indicou, ademais, que nunha segunda fase se permitirá que os establecementos asociados ao enoturismo como adegas, restaurantes, aloxamentos, museos, guías, transportes e as propias asociacións da ruta dos viños poidan xestionar directamente e sen intermediarios os produtos que poñen á venda, informar da súa dispoñibilidade, crear ofertas especiais, etc. Porase en marcha, ademais, unha aplicación para as empresas do sector vinculadas ás áreas das denominacións de orixe que permitirá rexistrar as entradas dos visitantes cando ingresen ás súas instalacións evitando a falsificación de tickets e establecendo un control.

De xeito transversalA Xunta de Galicia continúa así a traballar na calidade do destino galego facendo uso da tecnoloxía aplicada ao sector turístico como parte das accións enmarcadas no Smart Turismo no que leva anos traballando a través dunha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que facilita a interacción do visitante con Galicia antes, durante e despois da viaxe.

Este apoio económico beneficiará ao tecido empresarial de preto dun centenar de concellos das catro provincias integrados nas áreas das cinco rutas vitivinícolas da Comunidade. A posta en marcha desta nova plataforma contribuirá, igualmente, a seguir impulsando o enoturismo en Galicia, un sector no que a Xunta está a traballar de xeito transversal.

De feito, estase a impulsar xunto ás consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Medio Rural e a Fundación Juana de Vega a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Mobilizaranse un total de 748.000 euros a favor deste sector e dos territorios das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei) e das catro indicacións xeográficas protexidas (Val do Miño, Betanzos, Barbanza e Iria, Ribeira do Morrazo) e tamén se traballa no Plan de internacionalización para o viño e os licores de Galicia que impulsa o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Estas iniciativas complétanse con outras iniciativas como a estratexia Galicia Sabe, a folla de ruta transversal na que se recollen as principais liñas de actuación e as prioridades para promover un turismo enogastronómico sustentable baseado nos produtos autóctonos e de tempada, ou no apoio da Xunta para a sinalización turística das Rutas dos Viños ou da celebración das Xornadas de Portas Abertas, entre outras actividades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre