Inicio Galicia Nava Castro anuncia que o novo decreto que regula os cámpings permitirá...

Nava Castro anuncia que o novo decreto que regula os cámpings permitirá a súa clasificación por estrelas en cinco categorías

0

A directora de Turismo visitou en Valdoviño un dos máis de 120 aloxamentos galegos deste tipo acompañada do presidente da Asociación Galega de Cámpings


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo presidente da Asociación Galega de Campings, Delfín Fidalgo, e o responsable de Pantín Classic Galicia Pro, Marcos Rodríguez, visitou hoxe o Camping Valdoviño onde informou sobre as novidades da regulación para este tipo de aloxamentos, que vén de entrar na fase final da súa tramitación.

Como explicou, a nova normativa destaca pola súa simplificación e claridade de criterios e actualiza e renova a regulación vixente para os cámpings en Galicia. Entre as principais novidades, salienta a nova clasificación por estrelas, a creación de campamentos temáticos e tamén exclusivos para caravanas ou autocaravanas e a posibilidade de que as instalacións estables dos cámpings, como cabanas ou bungalós, podan ser tamén comercializadas por intermediarios como turoperadores.

Así, Galicia poderá contar agora con cámpings de unha, dúas, tres, catro e cinco estrelas, unha medida coa que a Xunta adapta a súa regulación á que está implantada noutras comunidades autónomas e noutros países da Unión Europea e que substitúe a anterior clasificación que os identificaba como superior, primeiro e segundo.

Proceso de adaptaciónO decreto establece uns criterios en función dos equipamentos e servizos ofertados de xeito que por exemplo, os cámpings con maior número de estrelas deberán ofertar equipamentos como piscina exterior, parque infantil, salón de lecer ou xogos, lavadoras e lavalouzas ou servizos como restaurante, cafetería, supermercado, programas de animación ou servizos de gardería, entre outros. Como novidade, os requisitos de clasificación fixaranse agora en función do número de prazas e non de parcelas, como se facía ata o momento. Así, os servizos do cámping estarán mellor dimensionados tendo en conta o número de usuarios ao ser unha correspondencia máis exacta.

Para que os cámpings actuais se adapten á clasificación por estrelas, a normativa galega fixa un réxime transitorio de cinco anos. Polo tanto, de xeito inmediato os cámpings galegos en funcionamento poderán seguir facéndoo nas condicións nas que están autorizados sen necesidade de adaptarse ás prescricións deste decreto de xeito inminente, salvo as relativas á seguridade. No caso dos cámpings que pretendan un cambio de categoría ou realizar obras substanciais de ampliación ou rehabilitación que afecten á súa clasificación, si terán a obriga de adaptarse agora aos criterios da nova normativa. Neste caso, con carácter excepcional poden pedir dispensa daquelas condicións que resulten de imposible cumprimento cando concorran circunstancias que así o xustifiquen como poden ser a insalubridade ou a especial orografía.

Tres áreas de especializaciónO novo decreto tamén facilitará que os cámpings galegos, de xeito complementario a estar clasificados por estrelas, poidan agora tamén especializarse en tres áreas. Ata o momento podían obter o distintivo de cámping de turismo verde sempre que tivesen unha serie de certificacións que así o acreditasen. Créanse agora tamén as figuras dos cámpings de turismo temático nos que as súas instalacións e servizos correspondan a un tema ou materia específica (cultural, deportivo…) e haberá cámpings exclusivos para caravanas ou autocaravanas, estando prohibida neste caso a instalación de tendas de campaña. Quedan excluídas nesta nova especialización as zonas de acollida para caravanas e autocaravanas en tránsito, cuxa regulación seguirá correspondendo á administración local.

Outra das novidades que incorpora a normativa é que as instalacións estables que estean situadas no cámpings –tales como cabanas ou bungalós, entre outros– poderán ser explotadas comercialmente agora a través de intermediarios como turoperadores. Nestes casos, o titular do cámping deberá acreditar a dispoñibilidade desas instalacións e será o responsable fronte aos usuarios do cumprimento das condicións establecidas e da normativa turística.

Decreto dialogadoA nova normativa consta de 36 artigos, estruturados en seis capítulos, tres disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derogatoria e dúas disposicións finais. O texto, que foi xa remitido ao Consello Consultivo, é froito do diálogo co sector, sendo remitidos os documentos tanto ao Clúster Turismo de Galicia, asociacións especializadas e ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e a todos os departamentos da Xunta de Galicia e estivo dispoñible para consulta pública previa e mantivo aberto ao prazo para recibir suxestións durante os meses de febreiro e marzo do ano pasado.

Con esta regulación, a Xunta avanza na excelencia na calidade da atención aos viaxeiros que recibe a Comunidade e reforza as garantías e a salvagarda aos profesionais do sector cunha normativa actualizada e adaptada aos tempos. O decreto repercutirá directamente nos máis de 120 cámpings dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), que suman máis de 34.000 prazas. Este tipo de turismo en cámpings consolídase na nosa Comunidade. Representa o 9,3% da demanda turística en Galicia e este ano medra a un ritmo do 33% en número de viaxeiros.

A nova regulación afectará en exclusiva aos cámpings de turismo, quedando excluídos os cámpings xuvenís, albergues, centros e colonias de vacacións escolares, as áreas provisionais de acampada por eventos culturais, recreativos ou deportivos, así como toda clase de acampadas non turísticas que estean reguladas polas súas normas específicas.

Espazos para autocaravanasEsta normativa súmase ao acordo anunciado onte trala xuntanza do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, para elaborar unha ordenanza tipo que regule os espazos habilitados nos concellos galegos a disposición das autocaravanas, que quedan fóra do decreto. Tratase das zonas especiais de acollida para caravanas e autocaravanas en tránsito cuxa regulación segue correspondendo á administración local e nas que o tempo máximo de estadía está limitado a unha noite.

Esta regulación terá como principal obxectivo facilitar a convivencia desta modalidade turística co resto de tipoloxías, así como harmonizar os criterios que empregan as entidades locais para autorizar o seu estacionamento, ao tratarse dunha competencia municipal. Malia que xa existen concellos con ordenanzas propias para regular este aspecto, a intención do Goberno galego e a Fegamp é contar cunha normativa “xenérica” que favoreza unha regulación efectiva en toda a Comunidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre