Inicio Galicia Miranda visita a nova oficina fixa de información ao retornado de Fevega,...

Miranda visita a nova oficina fixa de información ao retornado de Fevega, a terceira de Galicia, que abrangue toda a provincia de Lugo

0

O secretario xeral da Emigración lembrou que dúas das principais axudas específicas do Goberno galego para os galegos que regresan á comunidade, as Axudas ao Retornado Emprendedor e as extraordinarias, seguen abertas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola xefa territorial de Política Social da Delegación de Lugo, Cristina Abades, visitou esta tarde a nova oficina fixa de información ao retornado que a Federación Venezolana en Galicia (Fevega) abre na comunidade grazas ao convenio asinado entre o departamento autonómico e a agrupación. As instalacións, as terceiras nas que a federación ofrece asesoramento gratuíto continuado –o acordo inclúe unha cuarta itinerante- aos galegos que regresan a Galicia, están situadas en Lugo e comezaron a funcionar o pasado 3 de xuño.

Desde entón, atenden unha media de catro consultas diarias, tanto de xeito presencial como telefónico, o que suma arredor de 80 persoas en pouco máis de vinte días. Esta elevada demanda pon de manifesto as necesidades que trae consigo o incremento do retorno de galegos á súa terra de orixe, que só en 2018, e segundo os últimos datos das Estadísticas de Migraciones publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), ascendeu a 7.024 persoas, máis dun 7% por riba das cifras do ano anterior, cando regresaron 6.548 galegos. O ano 2018 suma, así, o quinto consecutivo de crecemento do retorno a Galicia.

Do total de galegos que regresaron á comunidade autónoma o pasado exercicio, 485 o fixeron á provincia de Lugo, a de menor tradición emigrante da comunidade, o que supón un incremento do 17,2% respecto a 2017, cando volveron 412. Só na última década regresaron máis de 3.000 lucenses, de nacemento e descendentes, que constitúen un piar fundamental para superar o reto demográfico, tal como recolle a futura Lei de Impulso Demográfico da Xunta de Galicia. “O retorno é un dereito de todos os lucenses que residen no exterior, tanto daqueles que marcharon para emprender unha nova vida como dos que, unha ou varias xeracións despois, queren recuperar a súas orixes e as oportunidades que Galicia lles brinda. E que tamén para ela, para todos nós, supoñen un importante revulsivo económico e social”, sinalou Miranda.

Axudas para emprendedores e familiasPrecisamente para favorecer o retorno dos galegos do exterior o Goberno galego aprobou en abril de 2018 a Estratexia retorna 2020, que recolle preto de 60 medidas tanto específicas como transversais, que inclúen incentivos para os retornados. Entre as deseñadas exclusivamente para os galegos que regresan á comunidade destacan dúas, as Axudas ao Retornado Emprendedor e as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, que manteñen aberta a súa convocatoria. As primeiras, cuxo prazo remata o 30 se setembro, inclúen este ano cambios de relevancia que buscan facilitar a tramitación e a xestión das subvencións, como a ampliación das axudas ás sociedades mercantís, por unha contía de 5.000 euros que pode ampliarse en 1.000 máis se a solicitante é muller e outros 2.000 euros se a empresa se asenta no rural. Desde a súa posta en marcha esta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración permitiu a posta en marcha de máis de 125 negocios en toda Galicia, dos que cinco se solicitaron na provincia de Lugo.

Outra das liñas de axuda do departamento autonómico que conta con máis demanda é a que buscar dar un primeiro soporte aos galegos que volven á comunidade. As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, que se poderán solicitar ata o vindeiro 31 de agosto, incorporan, ademais, este ano unha contía para aquelas familias que regresen con fillos menores de idade, e que lles permitirá percibir 1.000 euros por cada un dos menores de idade, e 1.500 a partir do terceiro. Esta medida complementa a Tarxeta Benvida da Consellería de Política Social, que ofrece incentivos económicos ás familias con menores de 3 anos, e que facilita o acceso aos retornados a esta axuda adaptando o prazo de solicitude á realidade desta colectividade.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre