Inicio Galicia Miranda segue a evolución dos máis de medio milleiro de retornados beneficiarios...

Miranda segue a evolución dos máis de medio milleiro de retornados beneficiarios das tres primeiras promocións das bolsas excelencia mocidade exterior

0

O secretario xeral da Emigración mantén un encontro coa asociación Jóvenes Emigrantes en Galicia, integrada por bolseiros das diferentes edicións


O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá unha reunión coa asociación Jóvenes Emigrantes, creada por beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). O obxectivo deste encontro é seguir a evolución da situación destes bolseiros, logo de ter completado o mestrado que elixiron nalgunha das tres universidades públicas galegas ou o Ciclo Superior de Formación Profesional (FP), ou mesmo estar aínda cursándoos nos seus respectivos centros educativos de destino. María Belén Rosbier, unha das representantes da agrupación, que aglutina bolseiros de ámbalas dúas modalidades, expuxo ao titular do departamento autonómico as diferentes casuísticas que afectan ao colectivo de estudantes ou exestudantes que regresaron a Galicia desde diferentes países do mundo nas diferentes convocatorias. “A realidade de cada un dos bolseiros das BEME está conformada por unhas circunstancias persoais que a diferencia do resto, e que precisa dun seguimento e acompañamento que, no caso deste departamento do Goberno galego, se traduce nun contacto permanente con eles, nomeadamente nestes momentos de especial complexidade por mor da pandemia do coronavirus”, sinalou Miranda. O programa BEME, incluído na Estratexia Galicia Retorna, arrincou en 2017, cando chegaron á comunidade os primeiros cen bolseiros da modalidade de mestrado, cifra que volveu repetirse na convocatoria de 2018, mentres que en 2019 o número ampliouse a 150. Ademais, nos dous últimos exercicios a Consellería de Educación engadeu outras 200 prazas de FP ás 350 de máster da Secretaría Xeral da Emigración, o que suma 550 bolsas nas últimas tres anualidades. En moitos casos, os beneficiarios viñeron a Galicia acompañados das súas familias desde os seus países de procedencia.

Contía en función da procedencia e a duraciónA cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que se desenvolverá no curso académico 2020/2021, pola súa banda, pechará mañá, venres 29 de maio, ás 23:59 (hora española), o prazo de solicitudes logo dunha ampliación para facilitar o acceso a este programa a aquelas persoas que, malia estar interesadas en optar a el, atoparon dificultades causadas polas restricións derivadas da epidemia da covid-19. Nesta nova edición a Secretaría Xeral da Emigración pon a disposición dos mozos galegos do exterior un total de 150 prazas para estudar un mestrado nas universidades de Santiago (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVi) dotadas con entre 6.000 e 11.475 euros cada unha en función da procedencia do beneficiario (Europa ou o resto do mundo) e da duración do máster elixido (de 60, 72 ou 90 créditos ECTS). Esta contía destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. O procedemento de solicitude realízase de xeito integramente telemático, xa que está deseñado para un fácil acceso e manexo desde o estranxeiro, o que permite nestes momentos marcados pola pandemia do coronavirus continuar co procedemento sen as restricións que implicaría o sistema presencial. Os mozos galegos do exterior que queiran beneficiarse deste programa de BEME deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre