Inicio Galicia Miranda inicia unha viaxe por Cuba e o Brasil na procura de...

Miranda inicia unha viaxe por Cuba e o Brasil na procura de reforzar os lazos de colaboración e institucionais con dous dos países con maior presenza de galegos

0

O secretario xeral da Emigración manterá encontros cos representantes das entidades galegas, participando na realización de diversos actos pola Habana con motivo do 500 aniversario da capital cubana

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, iniciará mañá unha nova viaxe a Cuba e ao Brasil, que centrará en achegarse á situación que vive a comunidade galega en dous dos principais países no que a número de galegos no exterior se refire, reforzando os lazos de colaboración e institucionais cos mesmos.

Así, ao longo dos vindeiros días, o responsable autonómico cumprirá con varios actos na Habana, entre os que destaca a presentación do roteiro con motivo do 500 aniversario da fundación da capital cubana, a visita a exposición O Soño Cubano da Emigración Galega, ou o concerto do compositor galego Roi Casal. Estas actividades complementáranse con reunións de traballo cos presidentes da Sociedade Cultural Rosalía de Castro, da Agrupación Sociedades Representativas de Municipios y Parroquias de Galicia en La Habana ou da Agrupación Artística Gallega con motivo do seu centenario.

Pola súa banda, a visita ao Brasil estará marcada por unha intensa axenda en Río de Xaneiro, onde o secretario xeral participará en diferentes actos enmarcados na promoción do Xacobeo 2021 e na celebración do Día da Hispanidade, ademais de manter reunións con representantes da colectividade galega no país suramericano, na procura de renovar os estreitos lazos que a Xunta de Galicia e os galegos residentes na república brasileira manteñen desde hai anos a través de diferentes actividades e programas, impulsados pola propia Secretaría Xeral da Emigración e polas entidades brasileiras.

Esta estadía no Brasil permitirá tamén levar a cabo unha completa axenda cultural, desenvolvida en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, que inclúe o showcooking Saborea Galicia, actos relacionados co Xacobeo 2021, ou un concerto de música galega que terá a Rosa Cedrón e Emilio Rúa como protagonistas. Dous países cunha gran presenza de galegos A importancia dos vínculos de Galicia con Brasil son innegables, sendo o segundo país do mundo cunha maior presenza de galegos, con 48.691 residentes, só por detrás da Arxentina, que segue a encabezar a listaxe con máis de 178.000 galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con data 1 de xaneiro de 2019. Do total de galegos residentes en Brasil só o 23,38 %, é dicir, 11.386 foron nados en Galicia; o resto son descendentes xa nacidos no país de destino.

Pola súa parte, Cuba é hoxe o terceiro país que acubilla un maior número de galegos, con 43.480 persoas, dos que menos do 1 %, 401, foron nados en Galicia e o resto son descendentes, nados xa no seu país de destino. Do total de galegos residentes en Cuba, 11.697 pertencen á provincia da Coruña, 14.922 á de Lugo, 13.473 á de Ourense, e 3.388 á de Pontevedra. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre