Inicio Galicia Miranda inaugura a xornada informativa de benvida para os mozos beneficiarios da...

Miranda inaugura a xornada informativa de benvida para os mozos beneficiarios da terceira edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME)

0

O secretario xeral da Emigración resalta a “valente decisión de regresar a Galicia” para iniciar unha nova vida: “Esperamos e desexamos que unha vez que rematedes os estudos decidades quedarvos”

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu hoxe –nun acto celebrado na Facultade de Filoloxía no que estivo acompañado polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro-, a inauguración da xornada de benvida aos beneficiarios da terceira convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que veñen de iniciar os seus estudos tanto de formación profesional como de mestrado nunha das tres universidades públicas galegas.“Hoxe damos a benvida a preto de 170 mozos do exterior que escollen Galicia para seguir coas súas carreiras e cos seus estudos. Todos eles incorporarán a súa importante experiencia académica e profesional”, resaltou Miranda.

Neste sentido, o secretario xeral agradeceu os beneficiarios das BEME que tomaran a “valente decisión de regresar a Galicia” para iniciar unha nova vida. “Esperamos e desexamos que unha vez que rematedes os estudos decidades quedarvos, e nós, desde o Goberno galego, queremos proporcionarvos todas as ferramentas para facelo posible, e para que vos coste cada vez menos decantarvos por unha Galicia disposta a acollervos cos brazos abertos”, sinalou.

Desde as 9.30 horas, e durante todo o día, os asistentes á xornada -que contou tamén coa presenza de Margarita Amor López, vicerreitora da Universidade de A Coruña, e Natalia Caparrini, vicerreitora da Universidade de Vigo-, recibirán información e asesoramento de primeira man sobre cuestións prácticas como a lingua e o sistema educativo no caso de descendentes de galegos procedentes no exterior, e a busca activa de emprego e os programas de apoio ao emprendemento impulsados pola Xunta.

As diferentes charlas e obradoiros son impartidas por especialistas en cada un dos sectores, desde xuventude ata emprego e promoción económica, e contarán, así mesmo, con testemuñas tanto de profesionais da busca de traballo como de bolseiros pertencentes á primeira promoción das BEME. Dous retornados emprendedores exporán as súas experiencias tanto á hora do regreso a Galicia como de iniciar o seu proxecto persoal e vital, que pretenden servir de guías para os bolseiros.

Expedientes de excelencia e formación profesionalAs Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) enmárcanse na Estratexia Retorna 2020, e son impulsadas pola Secretaría Xeral da Emigración e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, na procura de promover o retorno a Galicia tanto daqueles estudantes que queiran desenvolver aquí os seus estudos de FP, como de atraer os mellores expedientes universitarios do estranxeiro a través dunha axuda que sufraga os gastos de matrícula, viaxe e estadía para cursar un mestrado nalgunha das tres universidades públicas galegas (a Universidade Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña).

Neste sentido, o programa ten ofrecido xa máis de medio milleiro de oportunidades de cursar aquí os seus estudos á mozos galegos que viven no exterior. Así, no tocante ás becas de mestrado, nas súas tres edicións trouxeron de volta a Galicia 350 expedientes de excelencia, contando cunha elevada demanda que ten permitido incrementar nun 50% o orzamento e o número de prazas para este ano. Para o presente curso, Arxentina, Venezuela, Brasil e Reino Unido son os países cun maior número de beneficiarios, dos que 57 cursan os seus estudios na USC, 55 na Universidade de Vigo, e 38 na UDC. Do total, 26 mozos naceron en Galicia e volven agora á Comunidade a seguir cos seus estudos universitarios.

Deste xeito se cumpre co principal obxectivo dun programa, incluído na Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, que busca incentivar o retorno dos galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de formación profesional da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre