Inicio Galicia Miranda chega ao Brasil para impulsar a promoción do Xacobeo 2021 e...

Miranda chega ao Brasil para impulsar a promoción do Xacobeo 2021 e no marco dos actos conmemorativos da celebración da Hispanidade

0

O secretario xeral da Emigración reúnese, durante a primeira xornada en Río, co embaixador de España, Fernando García Casas, e máis co cónsul, Luis Prados Covarrubias, na procura de incrementar o traballo institucional e a cooperación

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, iniciou hoxe a súa viaxe polo Brasil -a onde chega procedente de Cuba-, na procura de impulsar a promoción do Xacobeo 2021 e no marco dos actos conmemorativos da celebración da Hispanidade.

Neste contexto, na súa primeira parada en Río de Xaneiro, o responsable do departamento autonómico mantivo sendos encontros co embaixador de España, Fernando García Casas, e máis co cónsul, Luis Prados Covarrubias, que se sitúan dentro do estreito contacto que mantén o Goberno galego cos representantes do español no Brasil, e que permitiron poñer sobre a mesa distintos proxectos de cooperación de cara os vindeiros meses. Así mesmo, e tamén no transcurso desta primeira xornada en terras brasileiras, Rodríguez Miranda visitou o Hospital Español da Sociedade Espanhola de Beneficiencia, que presta asistencia sanitaria de maneira gratuíta aos emigrantes sen recursos. “É para min toda unha honra visitar esta institución e comprobar con orgullo como mantén, adaptándoa aos novos tempos, a súa vocación orixinal de servizo á comunidade”, sinalou o secretario xeral. E engadiu: “O Hospital Español ten conseguido que o termo beneficencia se poña ao día en pleno século XXI e, ao tempo, entronque coa súa orixe de facer o ben, e de facelo a quen máis o necesita”.

O titular do departamento autonómico puxo de relevo que a solidariedade cos necesitados de especial coidado nas últimas estacións do seu percorrido vital foi –e aínda o é- un dos sinais característicos da emigración galega. “Quero agradecerlles seguir dando brillo e valor a este marabilloso estandarte da universalidade española, no que a presenza galega é ben relevante. Son moitos os centros en todo o mundo vinculados a Galicia e España que se centran no traballo de cubrir as necesidades dos nosos maiores, e atendelas na medida do posible”.

A Sociedade Espanhola de Beneficencia puxo en marcha o Hospital Español no ano 1928, e conta co apoio do Goberno galego para levar a cabo axuda sanitaria aos españoles residentes en Río de Xaneiro, en especial das persoas sen recursos económicos.

O segundo país con máis galegos do mundoO Brasil é o segundo país do mundo cunha maior presenza de galegos, con 48.691 residentes, só por detrás da Arxentina, que segue a encabezar a listaxe con máis de 178.000 galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con data 1 de xaneiro de 2019. Deles 24.638 proceden da provincia de Pontevedra, 10.860 da Coruña, 11.164 de Ourense e 2.029 de Lugo. Do total de galegos residentes en Brasil só o 23,38 %, é dicir, 11.386 foron nados en Galicia; o resto son descendentes xa nacidos no país de destino.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre