Inicio Galicia Miranda celebra o Nadal cos galegos residentes en Madrid

Miranda celebra o Nadal cos galegos residentes en Madrid

0

O secretario xeral da Emigración asiste á celebración organizada en colaboración polo Club de Xornalistas Galegos en Madrid e Federación de Centros Galegos

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á celebración do Nadal Galego de Madrid, que alcanzou a súa oitava edición grazas á dedicación dos organizadores, o Club de Xornalistas Galegos en Madrid, que preside Pilar Falcón, en colaboración coas entidades e asociacións de galegas e galegos na capital, tanto sectoriais como centros galegos, integrados en FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid), e a propia Secretaría Xeral da Emigración.

O evento reúne cada decembro na capital española aos membros das distintas entidades e comunidades galegas con presenza en Madrid e provincia. E en todas as ocasións desde 2011, quince organizacións que garanten a presenza de Galicia en ámbitos dispares no terreo profesional (o xornalístico, o empresarial, o xurídico ou o médico, entroutros) e tamén xeográfico (con sedes na capital, Móstoles, Alcobendas, Fuenlabrada, Alcalá de Henares, Colmenar, Collado-Villalba, San Sebastián de los Reyes, Tres Cantos ou Alcorcón) danse cita no lugar da convocatoria, que este ano tivo lugar no Teatro La Latina.

A música como fío condutorDurante o desenvolvemento dos diversos actos contouse coa actuación da Asociación Folclórica Rosalía de Castro, acto seguido tivo lugar a actuación da artista cedeirense, Guadi Galego. Unhas interpretacións que permitiron amenizar a celebración facendo que a colectividade galega en Madrid festexase unha data tan sinalada como é a de Nadal. Un marco no que o secretario xeral da Emigración animou a todos os galegos do exterior a seguir facendo de “fío transmisor da nosa cultura alá onde vos atopedes”.

Mais de 78.000 galegos en MadridNa comunidade autónoma madrileña residen, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro deste ano, 78.201 galegos e galegas de nacemento arestora censados, aínda que este número é estimativo: moitas e moitos dos residentes alí, por diversas razóns, seguen censados nos seus concellos de orixe, e esta cifra tampouco contabiliza as segundas e terceiras xeracións de galegas e galegos xa nados alí.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre