Inicio Galicia Miranda agradece os preto de 70 participantes en escolas abertas o seu...

Miranda agradece os preto de 70 participantes en escolas abertas o seu compromiso coa cultura galega e cos galegos do exterior aos que transmitirán a súa experiencia

0

O secretario xeral da Emigración presidiu, acompañado da delegada territorial de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a inauguración desta nova edición do programa do Goberno galego


O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Marisol Díaz Mouteira, presidiu esta mañá a inauguración de Escolas Abertas 2019, o programa do Goberno galego que busca actualizar e ampliar os coñecementos sobre distintas disciplinas relacionadas coa cultura e a tradición galegas de preto de 70 docentes que desenvolven o seu labor en entidades galegas de todo o mundo.

Nesta nova convocatoria a Residencia Docente de Ourense acolle ata o 24 de xullo 21 profesores procedentes da Arxentina, 12 de Cuba, 10 do Uruguai, 9 do Brasil, 7 de Venezuela, 2 de Chile, un de México e outro doutra comunidade española. A todos eles Miranda agradeceu o seu “compromiso coa cultura e as tradicións galegas, e tamén cos milleiros de galegos do exterior que acoden ás distintas entidades galegas que se reparten por todo o mundo para aprender delas e seguir, así, en contactos coa súa terra de orixe”. “O voso compromiso é con todos eles”, lembrou o responsable do departamento autonómico, “xa que os coñecementos que ides adquirir nas vindeiras dúas semanas non son para vós, senón que achegarllos a todos os galegos dos vosos países a través da vosa experiencia”.

Os beneficiarios desta nova convocatoria do programa da Secretaría Xeral da Emigración actualizarán ata o 24 deste mes, data na que regresarán aos seus respectivos lugares de procedencia tanto as materias relacionadas coas distintas disciplinas como mesmo sistemas didácticos que lles axuden a transmitirllas aos seus alumnos de man de profesionais en cada unha delas. Baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, percusión tradicional galega, gaita tradicional galega e confección de traxe tradicional galego son as diferentes especialidades, demandadas polas propias comunidades galegas, nas que recibirán formación. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre