O secretario xeral da Emigración participa nunha charla informativa sobre as liñas de apoio da Xunta de Galicia
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, participou hoxe, na Hermandad Gallega de Caracas, nunha charla informativa sobre as liñas e os programas de axuda promovidos pola Xunta de Galicia e que, segundo adiantou, permitiron chegar ao longo do 2019 a preto de 4.000 familias galegas residentes no país que, deste xeito, recibiron algún tipo de prestación social.“A delicada situación que está a atravesar Venezuela fai que cada ano destinemos máis fondos co obxectivo de chegar ao maior número de galegos residentes”, incidiu Miranda, quen apuntou que esas 4.000 familias atendidas supoñen axudar a mil fogares máis que o ano pasado, incrementando o investimento na república de 2,2 millóns de euros ata máis de 3 millóns no 2019.
Neste marco, o secretario xeral salientou, entre outras, a concesión de case medio milleiro de axudas extraordinarias ao retorno e máis de 1.100 axudas económicas individuais ante a “incerteza na que se atopa sumido o país”.
Xunto a este tipo de apoios, Rodríguez Miranda lembrou que a Xunta segue a impulsar outras actuacións das que se benefician os galegos residentes en Venezuela, como os Reencontros na Casa e na Terra, que neste 2019 permitiron traer de volta a Galicia a 73 maiores do país suramericano; o Conecta con Galicia, no que participaron no último ano 40 mozos venezolanos; ou as Escolas Abertas, que sumou outra vintena de rapaces que durante o último verán afondaron en distintas actividades relacionadas co folclore e a cultura galegas. Campaña de medicamentosAsí mesmo, e antes de participar nesta charla na Hermandad Gallega, Rodríguez Miranda supervisou a campaña de entrega de medicamentos, dotada este ano con 150.000 euros. Esta actividade, promovida polo goberno galego en colaboración coas entidades galegas no país suramericano, centra a súa actividade na entrega de medicamentos para os galegos nacidos en Galicia e os seus fillos que carezan de recursos para acceder a eles. Persoal administrativo das oficinas de atención social dos centros galegos, así como profesionais médicos, prestan apoio aos interesados en recibir axuda, tanto á hora de completar os trámites legais como á de recibir asesoramento en materia sanitaria.“Con este programa facilitamos o acceso aos medicamentos e tratamentos médicos aos galegos residentes en Venezuela e os seus fillos e netos menores”, resaltou Miranda, quen lembrou que deste xeito facilítase o acceso a medicamentos para o tratamento de enfermidades crónicas ou patoloxías que revistan gravidade e requiran un sistema de distribución en modalidade de monodose, sempre e cando se acredite a carencia de medios económicos para acceder á súa compra.
Xantar de Nadal do Centro de Día da Hermandad Gallega de VenezuelaAsí mesmo, o secretario xeral aproveitou a súa estadía en Caracas para achegarse ao centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela, onde puido participar no tradicional xantar de Nadal que celebran cada ano, e onde aproveitou para agradecer o labor de atención que realiza este centro coa colectividade.