Inicio Galicia Míguez avoga por unha «igualdade efectiva, normalización e non diferenciación» entre mulleres...

Míguez avoga por unha «igualdade efectiva, normalización e non diferenciación» entre mulleres e homes e confía no deporte como unha ferramenta para mellorar a sociedade

0

Enumera todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en pro da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite e indica que o deporte federado engloba a un 24% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres

Lugo, 27 de abril de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no serán de hoxe nas xornadas de homenaxe ao ex adestrador de balonmán Juan de Dios Román organizadas pola Peña Atlética Lucense. Deste xeito, participou no debate ‘A muller no deporte’ que tivo lugar no Cárcere Vello de Lugo que contou coa participación tamén da xogadora do CB Arxil, Arantxa Mallou, a atleta amateur, Karina Pasarín e a medallista paralímpica e internacional, María Hilda Rodríguez. Alí, a responsable do Deporte galego avogou por unha “igualdade efectiva, normalización e non diferenciación na que as mulleres e homes deben medirse polos seus méritos e capacidades e obter a mesma recompensa por eles”. “Unha igualdade que debe ser defendida tanto por homes coma por mulleres e desde todas as frontes posibles, desde todos os ámbitos, de xeito coordinado, transversal e colaborativo, porque é unha responsabilidade que nos afecta a todos e aínda que haxa moito camiño andado, queda moito por percorrer”, enfatizou.

Desde 1984, coa participación da primeira muller galega nos Xogos Olímpicos, a ximnasta Marta Bobo, dixo, “o deporte feminino galego evolucionou gañando maior protagonismo” como demostra que “na historia particular de Galicia temos 107 deportistas olímpicos dos que 25 son mulleres, e 19 medallas en Xogos Olímpicos das que 3 foron conseguidas por mulleres”.

Marta Míguez identificou todos estes progresos co traballo de deportistas, xogadoras, adestradoras, árbitras, xuíces ou directivas que “buscan acadar os seus obxectivos no eido que libremente deciden e no que teñen dereito a pertencer a pesar de ser espazos orixinariamente reservados, con exclusividade e de xeito inxusto, aos homes ao longo da historia”.

A titular de Deporte enumerou todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en pro da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite. Neste sentido indicou que o deporte federado engloba a un 24% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres.

Ademais, Marta Míguez tamén remarcou outras iniciativas como a difusión e comunicación dos logros e méritos do deporte feminino para outorgarlle maior visibilidade; a difusión de referentes exemplarizantes que animen a nenos e nesas á participación na competición de mais alto nivel e/ou un estilo de vida saudable e próspero; o aproveitamento das potencialidades e posibilidades do deporte para a transmisión de valores para transformar a sociedade de xeito que muden os estereotipos e patróns culturais; a garantía de igualdade salarial entre os traballadores das federacións deportivas e nas bolsas aos deportistas de alto nivel; a valoración positiva da presencia de mulleres en postos de decisión nas xuntas directivas de clubs, agrupacións deportivas escolares e federacións; a valoración positiva do número de licencias femininas, da adhesión ao manifesto na igualdade no deporte, polos proxectos das federacións relacionados co fomento do deporte feminino; a solución de conflitos a través da Comisión Galega de Control da Violencia en competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local; o novo decreto que regulará a figura do alto nivel incorporando novas vantaxes para os deportistas; a modificación da orde de axudas a entidades deportivas para evitar que ocorran sucesos ou incidentes violentos; o proxecto ‘Eu son DGAN’ para a incorporación laboral dos deportistas galegos de alto nivel; o acordo parlamentario polo que a Secretaría Xeral para o Deporte non patrocinará eventos nos que os premios económicos polos mesmos postos e categorías teñan diferente contía para homes e mulleres; a colaboración coa Compañía Radio Televisión de Galicia para que se lle de maior visibilidade a aqueles eidos do deporte menos populares como é o deporte de base e o deporte feminino; así como apoio a outras iniciativas.

Ao fío de todas estas actuacións, a secretaria xeral apuntou que “o deporte feminino forma parte de toda a nosa estratexia deportiva”. Deste xeito salientou que “as políticas da Secretaría Xeral para o Deporte son para todos os deportistas e as deportistas e para mellora do deporte galego”. “É a a nosa misión continuar explorando todas estas vías e utilizar todos os instrumentos que a política deposita nas nosas mans para mellorar a sociedade na que vivimos”, sentenciou.‘Baloncesto para educar’Instantes antes do debate sobre ‘A muller no deporte’, a secretaria xeral clausurou no Seminario Menor a conferencia ‘Baloncesto para educar’ na que tamén interviñeron os adestradores Ángel González Jarreño, Rubén Domínguez Domínguez, Timothy Lawrence Shea e Antonio Lozano Miranda.

Alí, Marta Míguez destacou a importancia do baloncesto que, “moito máis que un deporte, é unha ferramenta para educar”. Neste sentido lembrou que tanto o inventor do baloncesto en 1891, así como a responsable da súa adaptación feminina, tan só dous anos despois, eran profesores universitarios, o que nos deixa entrever “as múltiples posibilidades pedagóxicas e didácticas” deste deporte. Por todo isto, o baloncesto ten unha “importancia capital” no programa Xogade que xunta toda a oferta deportiva e lúdica en idade escolar promovida pola Xunta de Galicia.

A responsable do Deporte galego falou tamén do bo momento que atravesa o baloncesto na comunidade galega tanto a nivel masculino como feminino con moitos equipos nas primeiras divisións nacionais e lembrou que os Premios Deporte Galego 2017 recoñecerán o traballo de cinco premiados intimamente relacionados co baloncesto. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre