Inicio Galicia Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia, Alberto...

Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

0


Estamos en tempos de Nadal e aulas como esta están baleiras. Porén son un lugar axeitado para reflexionar con todos vostedes sobre a Galicia que compartimos. Esa Galicia ten nas escolas e institutos a mellor garantía de que o noso éxito colectivo vai proseguir no futuro. Sabíano os nosos emigrantes sempre preocupados por patrocinar, mediante as chamadas “escolas de indianos”, unha educación que eles consideraban fundamental para o rexurdimento da nosa terra. O seu esforzo frutificou e o esforzo educativo feito pola Galicia autogobernada vén de ser avalado polo coñecido Informe Pisa, o estudo internacional máis prestixioso sobre a calidade do ensino. A nosa comunidade sitúase en cabeza das autonomías españolas en Ciencia e nos primeiros postos en Matemáticas.É un mérito dos escolares, dos ensinantes, das familias e tamén da sociedade na que viven e se forman os nosos nenos e mozos. Nun tempo que é pequeno en termos históricos, Galicia pasa de sufrir un sistema educativo precario e desigual, a contar con medios e recursos humanos e materiais que nos equiparan cos países máis adiantados. En aulas coma esta proporciónase un Ensino Público de calidade e con igualdade de oportunidades. Os nenos e os mozos, as nenas e as mozas, son o noso principal activo. Por iso, nunca será dabondo o esforzo por dotar o noso sistema educativo non soamente de ferramentas pedagóxicas, senón tamén de valores como a tolerancia. Sentir orgullo do que somos sen que iso implique rexeitar a ninguén forma parte da nosa maneira de ser e axudará aos nosos mozos a desenvolverse mellor nun mundo que lles pertence. A Galicia que vai entrar no 2020 está nun mundo complexo, nunha Europa que afronta serias disxuntivas e nunha España sometida a sobresaltos. Nese contexto cheo de sorpresas pouco tranquilizadoras, Galicia forma parte dos pobos que consideran a estabilidade como un requisito para o benestar das persoas.

A experiencia demostra, en efecto, que a inestabilidade conduce á parálise política e, por iso, ao atraso interminable de decisións urxentes. A política que propicia a inestabilidade deixa de ser un motor da sociedade para converterse nun atranco. A política cautiva de posicións extremas, altera a harmónica convivencia das persoas. Tanto unha como a outra están lonxe do carácter propio dos galegos, pero afectan negativamente aos intereses galegos. Galicia segue agardando por recursos que son seus e que están inexplicablemente retidos pola Administración central.  Galicia sente unha lóxica inquedanza pola indefinición da data de finalización das obras do AVE. Galicia asiste con estupor a unha errática política que parece destinada a condenar a unha parte do noso sector industrial, malia a súa capacidade tecnolóxica e á súa adaptación ao mercado. Especialmente nestas datas temos na cabeza as familias que padecen esta incerteza. Mentres tanto prímanse acordos con forzas e líderes xulgados e condenados, que teñen o propósito confesado e ratificado de socavar primeiro a España das Autonomías para fragmentala mediante procesos de ruptura. E descártanse entendementos baseados na moderación que propiciou a etapa máis fecunda da nosa historia. Galicia non permanece nin permanecerá calada cando a necesaria estabilidade da nosa nación común se entrega como moeda de cambio. Nestas aulas do Instituto Blanco Amor de Ourense fun alumno e agora son un alumno de Galicia. Un gobernante ten a obriga de aprender constantemente do seu pobo. É a mellor maneira de acertar e de saber cando un se equivoca. Rectificar decisións equivocadas, mal explicadas ou mal entendidas, forma parte das obrigas dun político con responsabilidades públicas; así o entendo.

E ser un pobo reivindicativo, consciente dos seus deberes e dereitos, é algo que caracteriza á nosa Comunidade e que supón un constante acicate para os seus gobernantes.

Galicia é unha aula ampliada na que se practica decote unha reivindicación que vai da man da unidade: a mesma unidade que predicou sen descanso a Xeración Nós, cuxo centenario celebramos no 2020. Como a Xeración Nós, Eduardo Blanco Amor –que dá nome a este instituto e no que neste 2019 cómprense 40 anos do seu falecemento– formou parte do elenco de galegos ilustres que traballaron polo rexurdimento sen rancores nin revanchismos, sen excluír a ningún galego de ben disposto a traballar na obra común. A el debémoslle unha obra memorable, e sobre todo un pensamento integrador que hoxe ten máis vixencia que nunca, fronte a tendencias que teiman por fraccionar nacións, pobos e sociedades. Xuntos somos máis fortes. O alento dun pobo unido chega con máis intensidade ás persoas e colectivos que padecen situacións difíciles, como os traballadores de industrias golpeadas por problemas internos ou por decisións ou indecisións de índole política; como os enfermos; como os marxinados e emigrantes; como as mulleres que sofren calquera tipo de violencia machista.  Todos formamos parte dunha comunidade que é tal porque ten moitas cousas en común e quere seguir camiñando unida sen deixar atrás ou de lado a ninguén. Pensando sobre todo no que garante o noso futuro:As familias, que desde o próximo 1 de abril non pagarán gardería a partir do segundo fillo.

Ou nos mozos, que teñen por primeira vez transporte gratis nas liñas que dependen da Xunta ata os 21 anos.

Ou na Galicia verde, que queremos deixar á vindeira xeración, con instrumentos que aprobamos para apostar por unha Galicia que loite contra o cambio climático e promova a economía circular.

Ou na Galicia innovadora, apoiando a ciencia e a innovación nas empresas para que o cambio de modelo xere oportunidades en lugar de incertezas.

Queremos que a Galicia da nova década sexa máis que nunca Galicia Calidade. Unha Galicia que se marca novas metas e obxectivos máis ambiciosos para poder seguir sentindo o orgullo de acadalos.

Esta aula é unha boa metáfora do que Galicia significa. Por aquí pasamos varias xeracións e pasarán moitas máis. Cada unha é distinta e aporta ideas novas que se suman ás anteriores e se sumarán ás posteriores. Este instituto vaise transformando aínda que o recinto sexa semellante. Evoluciona como o fai Galicia, sendo a mesma e sendo distinta, exercendo o mesmo bilingüismo cordial que practicou Blanco Amor e reclamando sempre o seu lugar en España, en Europa e no mundo. Collo prestadas as seguintes palabras para reiterar que “en Galicia non somos moitos, pero Galicia é moito”. Quen o poña en dúbida pode comprobalo na exposición “Galicia, un relato no mundo” que segue aberta na Cidade da Cultura. Nela verificará que os galegos estamos presentes en todos os fitos da historia e somos referentes nas principais correntes culturais. Sempre hai unha pegada galega, unha achega, un ingrediente. No ano que deixamos atrás, esa presenza galega continuou sendo relevante e no ano que recibimos –pórtico do Xacobeo do 2021– Galicia volverá ser un foco de tolerancia, solidariedade e unidade. Afirmar que temos futuro lonxe de ser algo retórico ten aquí, en aulas coma esta, o seu fundamento.

Galicia é moito. Galicia é todo. Bo Nadal e os mellores desexos para o novo ano.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre