Inicio Galicia Mensaxe co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante

Mensaxe co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante

0

“Ao longo da historia da humanidade, a migración ten sido unha expresión valente da determinación individual de superar a adversidade e buscar unha vida mellor”. Estas palabras de Antón Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, encabezan a carta da ONU con motivo deste Día Internacional da Persona Migrante. Verbas que simbolizan e dan sentido á diáspora galega, que durante décadas sumou a milleiros de homes e mulleres na procura dun futuro mellor. Todos eles levaron o noso nome polo mundo, sendo un exemplo inmellorable do que foi, o que é, e o que quere ser Galicia. Unha mostra de constancia, dedicación e vontade para prosperar e construír, aínda que lonxe do fogar, outro fogar. Un exemplo de integración que debe ser lembrado, quizais con máis afán que nunca, nun mundo global no que máis de 270 millóns de persoas buscan noutros países novas oportunidades de mellorar a súa vida. E é precisamente ese mesmo mundo global, coas súas facilidades de comunicación e movemento, o que nos ofrece, a piques de entrar nunha nova década do século XXI, un reto e unha oportunidade que hoxe é un bo día para poñer en valor: o retorno. Cada vez son máis os galegos que deciden volver a súa terra para desenvolver aquí os seus proxectos profesionais e familiares. Galicia está a recuperar a súa puxanza económica e social, converténdose nun lugar cheo de oportunidades para as novas xeracións, veñan de onde veñan. Un país de acollida que non dubida de que se hoxe é o que é, débese, en gran parte a todos aqueles que no seu día tiveron que marchar. A nosa terra progresa e avanza, pero non esquece. E por este motivo, a emigración galega vén de ser galardoada coa Medalla do Parlamento de Galicia, e a propia diáspora vai ser incluída nos plans de estudo da comunidade. Porque para levantar o futuro, convén ter presente o pasado. Por isto, a nosa será sempre unha terra de acollida, disposta a dar a benvida a todos aqueles que desexen camiñar cara adiante.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre