Inicio Galicia Medio Rural ten aberto ata o 20 de xuño o prazo de...

Medio Rural ten aberto ata o 20 de xuño o prazo de solicitude das axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as instalacións da granxa Avícola Tribás, en Ferreira de Pantón, unha das explotacións beneficiarias cunha achega de 300.000 euros


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que ata o vindeiro 20 de xuño está aberto o prazo de solicitude da orde de axudas destinadas a apoiar investimentos nas explotacións agrícolas, en concreto, para impulsar os plans de mellora, para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

O delegado da Xunta destacou a importancia destes apoios para contribuír ao desenvolvemento da actividade agropecuaria na provincia de Lugo, un dos piares da súa economía, dado que aportan unha notable inxección de capital “para modernizar as explotacións gandeiras e agrícolas; favorecer a incorporación de xente moza que colle o relevo no agro e para dimensionar pequenas granxas e facelas máis competitivas”.

Visita a Avícola TribásBalseiro fixo estas declaracións no transcurso dunha visita hoxe ás instalacións da granxa Avícola Tribás en Ferreira de Pantón, unha das explotacións que accedeu a estas axudas da Consellería do Medio Rural.

A granxa avícola conta con tres persoas socias e ten capacidade para 83.850 polos. Para poñela en marcha, concedéuselles unha achega de 70.000 euros para nova incorporación dun dos socios (incorporación de mozos) e tamén se beneficiou de 230.900 euros a través da liña de plans de mellora de explotacións -neste último concepto, sobre un investimento global de 461.800 euros-.

Convocatoria ano 2018Balseiro tamén puxo de relevo o peso específico que ten Lugo na economía rural de Galicia e nese sentido lembrou que esta provincia foi a máis beneficiada por estas achegas.

En Lugo recibiron estes apoios da Xunta un total de 738 beneficiarios con axudas que superaron os 20 millóns de euros, distribuídos en 16,27 millóns de euros para plans de mellora, 5,49 millóns de euros para novas incorporacións e 2,34 millóns de euros para pequenas explotacións.

Convocatoria deste anoEste ano o orzamento desta orde -para toda Galicia- ascende a 42 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader): 14 millóns de euros para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, 25 millóns para o apoio aos investimentos en explotacións agrícolas e 3 millóns de euros para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

No que se refire ás achegas para a incorporación de persoas mozas, a subvención concederase pola execución dun plan empresarial e consistirá nunha contía básica establecida en 20.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ser agricultor/a mozo/a, por realizar un investimento de carácter colectivo, por desenvolver actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución dun plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma. No que respecta ás bases, mantéñense sen cambios respecto ao ano anterior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre