Inicio Galicia Medio Rural rozará máis de 300 hectáreas en Porto do Son grazas...

Medio Rural rozará máis de 300 hectáreas en Porto do Son grazas ao convenio de protección das aldeas

0

A través de drons analízase a vexetación destas zonas e os accesos ás parcelas para organizar os traballos de limpeza e roza


O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, achegouse hoxe ata o concello coruñés de Porto do Son para supervisar os labores de replanteo e planificación das faixas secundarias que se limparán grazas ao sistema público de xestión de biomasa creado a través do convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Por medio deste sistema, só no municipio de Porto do Son limparanse máis de 315 hectáreas nas catro parroquias priorizadas deste concello: Baroña, Caamaño, Ribasieira e Xuño.

Este traballo previo desenvolveuse con drons que analizaron o terreo e, deste xeito, permítese caracterizar e coñecer de forma máis áxil o estado da vexetación en cada unha das parcelas sobre as que haberá que intervir e tamén a situación dos accesos aos terreos.

Neste sentido, o director xeral aproveitou a visita para animar aos veciños propietarios de parcelas en parroquias priorizadas a adherirse a este convenio que lles ofrece a posibilidade de ter limpas as súas propiedades dentro das franxas dos 50 metros próximos aos núcleos de poboación a un prezo máis axustado e vantaxoso co prezo de mercado pola execución destes traballos, a 35 euros cada mil metros cadrados.

Do mesmo xeito, Tomás Fernández-Couto garantiu tamén que, nestas parroquias priorizadas, aquelas parcelas de particulares non adheridos ao convenio non quedarán sen limpar, senón que se actuará de xeito subsidiario. É dicir, “de acordo co compromiso adquirido polas administracións asinantes”, sinalou, serán estas as que actúen e trasladaráselle o custo da limpeza ao propietario, neste caso a prezos xerais de mercado. E engadiu que existe tamén “o compromiso de ter esas parcelas rozadas e acondicionadas consonte á normativa antes de que remate o ano”.

Número de concellosAsí mesmo, o responsable de Defensa do Monte lembrou que a día de hoxe xa hai 204 concellos galegos adheridos a este sistema de xestión de biomasa, un número que seguirá medrando na medida en que se vexan os beneficios que supón para eles e os seus veciños este convenio.

Así, en virtude deste acordo, a Xunta, en colaboración con Seaga e a Fegamp, actuará para previr incendios en 70 parroquias de 35 concellos da comunidade autónoma no período 2019-2022 mediante a xestión da biomasa nas faixas secundarias. Nun primeiro momento foron 68 as parroquias priorizadas, pero na última xuntanza da comisión de seguimento do convenio, celebrada a finais de xuño, decidiuse incorporar automaticamente as que sufriran unha Situación 2, o que propiciou a entrada na lista das de Leiro e Isorna, en Rianxo.

Polo tanto, segundo explicou o director xeral, nestas actuacións teñen prioridade aquelas áreas con maior problemática incendiaria, que foron escollidas consonte a uns criterios obxectivos relacionados coa virulencia dos lumes, coa superficie afectada, co risco de ocorrencia de incendios e cos medios e a planificación adoptada para facerlles fronte. Así, está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período. Na provincia da Coruña son 14 as parroquias seleccionadas, pertencentes aos concellos de Carballo, A Coruña, Teo, Boiro, Lousame, Rianxo e Porto do Son, estes catro últimos na península do Barbanza.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre