Inicio Galicia Medio Rural responde ás demandas da Denominación de Orixe Monterrei e modifica...

Medio Rural responde ás demandas da Denominación de Orixe Monterrei e modifica o seu prego de condicións

0

O DOG recolle hoxe a resolución pola que se dá publicidade a estes cambios de carácter técnico  

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da Denominación de Orixe Monterrei. Deste xeito dáse resposta a unha demanda do Consello Regulador, que pretendía resolver esta tramitación canto antes. Unha vez se publique esta resolución tamén no Boletín Oficial do Estado (BOE) abrirase o prazo de dous meses para que calquera persoa que considere os seus lexítimos intereses afectados poida opoñerse ao rexistro desta modificación.

A solicitude de modificación afecta ao rendemento de extracción do mosto e á descrición das características organolépticas destes viños. Son, por tanto, modificacións de tipo técnico e que no afectan de forma substancial ao prego.

Polo que se refire ao rendemento de extracción, preténdese modificar á alza, ata os 74 litros de viño por cada 100 quilogramos de uvas. Este cambio xustifícase en que a tecnoloxía actual empregada na elaboración de viños permite obter rendementos de extracción máis elevados que os actualmente admitidos sen detrimento da calidade.

No que respecta ás características organolépticas, era preciso modificar os descritores para que estes foran o máis obxectivos posible, fuxindo dunha caracterización hedónica, e por tanto subxectiva, que dificulta o proceso de acreditación dos ensaios conducentes á certificación dos viños da denominación de orixe.(Enlace á publicación no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180817/AnuncioG0426-060818-0001_gl.html) 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre